Xosé Bocixa, vocalista de Zënzar: «Hai que seguir pensando e, polo tanto, molestando»

FUGAS

Luna Lliro

A banda decana do rock galego publica agora «Benvidas ó futuro», un título que lle chisca o ollo ao primeiro

18 dic 2020 . Actualizado a las 11:38 h.

No 1997 Zënzar, que xa levaban unha década en activo, ían Disparados ó futuro. Así titularon o seu primeiro disco. A banda decana do rock galego publica agora Benvidas ó futuro, un título que lle chisca o ollo a aquel primeiro. «Porque para nós aquel futuro é o actual presente», explica Bocixa.

Benvidas ó futuro é un disco composto, gravado e deseñado por membros da banda. «É moi pouco artificial, moi semellante a como soamos en directo, que é o forte do grupo». Con cancións que falan de todo o que foi esta viaxe: das ilusións, das perdas e de todo o que conforma este presente que era o futuro de hai 33 anos».

—O futuro non era, logo, tan bonito como no lo pintaban?

—Nunca é tan bonito como no lo pintan. O futuro, ou sexa este presente, no individual pode estar ben ou non, pero globalmente non é nada bonito. E semella que a cousa non vai pintar nada ben nos vindeiros anos. Diso fala unha das cancións do disco, Todo se extingue.

—Nese tema esnaquizan o mito aquel de que os vellos roqueiros nunca morren?

—Efectivamente. Porque todo é moi caduco e todo acaba por rematar. E o rock and roll, aínda que sigue vivo, non está pasando polos seus mellores momentos. Son outros os estilos cara os que miran as novas xeracións.

—O trap, por exemplo. Hai quen di que é o punk do século XXI. Que lle parece?

—Se se refiren a que o trap arrasa entre a xente nova como arrasaba o punk na nosa xeración, pois pode ser. A min o que me da mágoa é que na miña época de mocidade, nos 80 e 90, dentro do comercial había moita diversidade. Podíamos escoitar rock duro, punk, pop, músicas do mundo, electrónica… Hoxe en día a globalización levou á uniformización. Ti pos calquera emisora comercial e podes estar horas escoitando un único ritmo. Iso non pasaba antes.

—Queda hoxe sitio para as bandas de rock and roll na escena musical galega?

—Por suposto. Hai moito público en Galicia ao que lle gusta o rock and roll. De feito demóstrase cando poñen a un grupo de rock aí arriba, nun escenario grande. Nós temos experiencias moi bonitas nestes últimos anos. No festival de Pardiñas, no Revenidas, no Armadiña Rock... E o público está aí. O que necesita o rock é espazos. Tanto salas de formatos pequenos, que nos encantan, como festivais. E non poñer aos grupos de rock galego na praza pequena ou no escenario de atrás. Ese segue a ser un erro que se está a cometer mesmo por parte das ideoloxías que din que apoian a nosa música e o noso idioma. Escena galega hai. E para o rock, tamén. O que se necesita é poñela en valor e facer disto, por que non dicilo, un negocio.

—Hai en determinados momentos deste disco un pouso de certa amargura, como consecuencia dun inconformismo que se cadra non deu os froitos agardados. «Esqueceunos montar unha revolución», lamenta en «Fomos o futuro».

—Intentamos que este fose un disco realista e reflexivo. Ese tema fala desta sociedade totalmente dirixida pola tecnoloxía e os grandes medios de comunicación. É certo que por desgracia non fixemos a revolución no seu momento e agora é moito máis complicado porque o ser humano é hoxe moito máis manipulable que daquela. Si, esa canción fala de certas utopías que non fixemos realidade…. Aínda.

—Aínda?

—Si, eu manteño a esperanza. Sen esperanza, a onde vas? Eu son de ter sempre un punto de vista positivo e de tratar de ser feliz. É certo que se te paras a reflexionar ves moitísimas cousas que non che gustan. Pero bueno, do que se trata é de gozar da vida. E, se se pode, con moitísimo rock and roll.

—Teño unha frase súa de cabeceira: «Penso, logo molesto».

—Esa é unha frase case roubada. Xa o dixeron os vellos filósofos. Se non pensas nin reflexionas e só segues o camiño que che marcan, pois claro que non molestas. De feito nas escolas non ensinan a pensar, ensinan a obedecer.

—Vostede sente que molesta?

—Home, que grupo de rock and roll es se non molestas e non es crítico? Eu teño baixado do escenario e ter agardando a unha parella da Garda Civil para identificarme. Simplemente por dicir cousas que son evidentes. Pero hai persoas e cousas que aínda non se poden nomear. E cando te ameazan tres veces para que teñas coidado e ves que hai xente na cadea por cantar, pois…

—Nunca semellou Bocixa dos que se amedrentan.

— O medo goberna este mundo. E chegado o momento todos nos amedrentamos un pouco polos motivos que sexan. Pero si, hai que intentar non amedrentarse e seguir pensando e molestando.

—Dá a sensación de que tamén hai algo desa certa amargura da que falabamos, no senso do que deixamos de facer e polo que deixamos de loitar, en «Standing rock».

Standing rock é unha homenaxe directa a toda a xente que loita na defensa da terra e en contra do seu espolio. A esa xente que creou imaxes icónicas para que outras persoas puidésemos seguir ese camiño.

—O xornalista Henrique Mariño definiuno nunha ocasión como «axitador rural». Síntese identificado?

—(Ri) Aprecio moito a Henrique e gustoume moito aquel artigo pero eu non concordo moito con este termo, rural. Eu, máis que do rural, son un tipo da aldea. E tampouco me considero un axitador. Eu son unha persoa que intenta ser libre nunha sociedade na que a liberdade non está ben vista. Ser libre non está de moda.

—Unha das cancións deste disco, «Samurai», é unha homenaxe a Tabe, o baixista de Zënzar que faleceu no 2106.

—Zënzar somos unha banda na que se valora máis a amizade que o feito de ser grandes músicos. E Tabe foi un compañeiro de viaxe dende o principio. O día que o despedimos fomos ao local de ensaio, que foi o que el nos pedira, e aquel mesmo día fixemos esa canción. E aí quedou o Samurai.

—A Tabe substituíuno Laura Romero, que ademais aporta a súa vertente como ilustradora e deseñadora.

—Era o punto que nos faltaba. Agora xa somos autosuficientes de todo (ri). Laura é unha tipa flipante en todo o que fai. Coincidiu que cando empezou con nós empezou co proxecto de Músicas Galegas Ilustradas. E mira, xa ten un premio Martín Códax que non o temos nós, despois de 33 anos.

—Non lle pregunto polo futuro da banda porque xa o din en «Historia do rock and roll»: «É duro aguantar / pero imos seguir». Iso é unha declaración de intencións?

—A verdade é que si. No seu momento Zënzar formouse para protestar e para gozar daquel tópico de sexo, drogas e rock and roll… Maila que enseguida nos demos conta de que o tópico non era certo, non cansamos. Realmente o que nos preocupa e que isto cada vez nos gusta máis. Eu creo que temos Zënzar aínda para tempo, se non a espichamos.

—Os roqueiros, como dicía Barón Rojo, van ao inferno?

—Os roqueiros van a onde sexan. Apúntanse a un bombardeo. Os roqueiros son persoas que non teñen demasiados medos nin temen a un camiño longo e diverso. Polo tanto, si, os roqueiros imos ao inferno… E imos encantados.

MOS REBULLÓN SÁBADO, 18.00 esgotadas