Ramón Villares, o historiador da nación galega


Ramón Villares Paz estudou Historia para entender a sociedade en que vivía e quizais se especializou nun primeiro momento nos estudos agrarios porque foi un neno de aldea. Aqueles primeiros traballos de economía agraria e historia rural de seguro lle serviron para coñecer máis de onde viña. A súa vida arranca en Cazás, Xermade, e a diferenza doutros coñecidos persoeiros vilalbeses, na súa casa non houbo emigrados a Cuba que fixesen fortuna. Mais tivo a sorte de ir a unha escola unitaria rural cunha mestra que cría na educación como chave para prosperar, tamén seus pais entenderon que ese debía ser o camiño e, habendo poucas posibilidades, unha era deixar a vida familiar e ingresar no Seminario. Non foron anos doados porque entre aqueles muros había moitas horas de estudo, pero tamén de férrea disciplina e dunha educación cristiá encamiñada ao exercicio sacerdotal. En realidade poucos tiñan vocación relixiosa, polo que unha vez rematados os estudos seguiron a súa formación fóra da teoloxía.

 A historia en seguida o chamou, quizais porque xa tivera bos profesores no Seminario, mais en contra do agardado déronlle unha bolsa para estudar Económicas. Ás veces, os camiños dan unha pequena reviravolta, pero finalmente conducen a onde queremos. Matriculouse en Filosofía e Letras e especializouse en Historia na Universidade de Santiago de Compostela, onde hoxe é catedrático de Historia Contemporánea. Dende que se licenciou en 1973 non deixou de publicar e de ampliar os seus intereses: as migracións atlánticas, a historia agraria, a identidade de Galicia ou os persoeiros que conforman esta nación cultural, empregando as palabras do propio Villares. Ao repasar as súas publicacións observamos un traballo académico arduo que compaxinou cunha proxección pública moi importante, pois foi: decano da Facultade de Xeografía e Historia, Reitor da USC, presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea, director en Galicia da Universidad Internacional Menéndez Pelayo e, recentemente, presidente do Consello da Cultura Galega.

Sen dúbida é un dos intelectuais galegos máis relevantes e unha figura respectada dentro e fóra de Galicia. A el debemos unha desas obras básicas que debería ser imprescindible en calquera fogar: a Historia de Galicia.

Un éxito editorial

Nos anos oitenta a Editorial Galaxia centrou parte dos seus esforzos en publicar un fondo de libros fundamentais a través da Biblioteca Básica da Cultura Galega. Con esta colección pretendíase que un público amplo coñecese as obras literarias de cabeceira do país, pero tamén as de escritores do momento xa consagrados. A selección enriquecíase con manuais básicos de historia da literatura, lingua, cultura popular, economía, socioloxía, antoloxías, escolmas, vocabularios ou a gramática. Nesa selección que fixeron Ramón Piñeiro e Carlos Casares atopábase a obra A Historia de Ramón Villares, que foi un éxito editorial e coñeceu unha ducia de reimpresións ao tempo que se traduciu ao castelán pouco despois da súa saída.

Con anterioridade, Benito Vicetto e Manuel Murguía intentaran estudar a historia de Galicia dende as orixes. O primeiro comezou en 1866 e, aínda que concibe Galicia como unha unidade histórica, bota man non só dos feitos e das fontes, tamén do mito, da imaxinación. En 1911 publícase o último tomo da Historia de Galicia de Murguía que está escrita para sentar as bases dun pasado propio. Despois aínda farían as súas achegas Ramón Villar Ponte ou Risco, pero a renovación da historiografía de Galicia chega na democracia da man de autores relacionados co mundo académico, como Villares.

Aquel traballo tan exitoso co que gañou o Premio da Crítica de Galicia foi ampliado polo autor vinte anos despois, e nel incluíu capítulos dedicados á importancia das cidades galegas en diferentes períodos históricos. Daquela a obra publicouse xa co título co que hoxe a coñecemos: Historia de Galicia. E aínda habería outra edición que inclúe a Buenos Aires como quinta provincia galega e como cidade de vital importancia para entender Galicia. Sen dúbida un tema que centra o interese do profesor Villares é o estudo da emigración e do exilio, fundamentalmente da cidade porteña na que recalaron Castelao ou Seoane, figuras ás que tamén dedicou horas de estudo.

A obra pode lerse en portugués, co subtítulo «Uma memória dos avós europeus» e un capítulo centrado na historia dos galegos no Brasil. E máis recentemente, coincidindo coa súa investidura como doutor Honoris Causa pola Université Rennes 2, traduciuse ao francés.

Villares afirma no prólogo da edición que sairá no xornal La Voz de Galicia que chegará a un novo público e petará noutras portas. E será benvido, pois é esta unha obra aberta, unha reflexión do pasado para entendernos como nación, unha investigación rigorosa resultado de moitos anos de traballo e unha lectura amena para achegarnos a historia de noso.


 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

Ramón Villares, o historiador da nación galega