-Naqueles anos apareceron unha serie de gaiteiras e gaiteiros -vostede, Cristina Pato, Carlos Núñez, Budiño…- que tiveron moitísima repercusión e notable proxección comercial. Pero dá a sensación de que a cousa quedou aí. Dende aquela practicamente non saíron novos referentes de gaiteiros solistas. Por que?
—Si que hai gaiteiros. Moitísimos e moi bos. É certo que daquela nós tivemos un apoio moi importante dos medios por aquel gran bum. Pero posteriormente teñen saído gaiteiros boísimos. Está Cristian Silva, Anxo Lorenzo, Nadia Silva, Magoya Bodega, Lorena Freijeiro, Dani Bellón, David Bellas… O que pasou é que a partir do 2008 a industria musical foi un desastre. E se a crise notámola moito os artistas que xa estabamos, imaxínate como foi para aqueles que intentaban abrirse un camiño. Supoño que esa situación da que falas ten que ver máis cos momentos históricos que estamos vivindo, que non axudan nada a que sobresaia algo, que co talento dos gaiteiros actuais, que é enorme.
—Os vascos reactivaron e puxeron en valor os seus instrumentos tradicionais, como a trikitixa ou a txalaparta, integrándoos nas músicas populares. Grupos de pop ou de rock introducen eses instrumentos coa mesma naturalidade que unha guitarra. Pode ser ese un camiño a seguir pola gaita para ampliar o seu espectro e conectala coas novas xeracións?
—Ese leva sendo o meu camiño dende hai moitos anos. Se cadra non tanto nos discos pero si nos directos. Hai moito que non levo bouzouki nin guitarra acústica. Xa directamente temos guitarra eléctrica, baixo, batería… E é algo que fago con naturalidade. A min gústame moito o rock e o funk. Que mellor que mesturar eses estilos que me gustan co meu instrumento! E grazas a evolución que tivo a gaita, da man de artesáns como a miña familia, hoxe en día os gaiteiros podémonos expresar libremente como queiramos co noso instrumento. Eu teño tocado con bandas sinfónicas, grupos de pop, de rock… E a gaita cabe en absolutamente todos os sitios.
—Que lle parece esta nova tendencia que mestura a música tradicional coa electrónica?
—A min encántame. É outra das vertentes polas que a música tradicional pode tirar. Porque se presta para iso. Por exemplo o que fai Baiuca gústame moito. Eu sempre que o que se faga coa gaita ou coa nosa música tradicional estea ben feito e tanto unha como a outra sexan ben tratadas, estarei a favor. Penso que é algo que forma parte da nosa evolución e que nos permite chegar a outros públicos. Porque de repente ven que a gaita mola.
—Ademais de pezas tradicionais, neste disco tamén inclúe o himno galego.
—Porque tamén o toquei no balcón. O 17 de maio, o Día das Letras Galegas. Así que pensei que que mellor maneira de pechar o disco que co noso himno.
«Dixéronme: Por que non tocas esa de 'Y ya no puedo más'». Así que un dos días tocámola. E por iso vai no disco tamén»
—E despois, a modo de bonus track, engade unha versión de «Vivir así es morir de amor», de Camilo Sesto. Cun par.
—Si, incluíno porque foi unha das peticións tamén. Coincidiron bastantes persoas que me dicían «estamos do Resistiré xa ata o carallo. Por que non tocas esa de Y ya no puedo más?». Así que un dos días tocámola. E por iso vai no disco tamén.
—Non cre que aquel espírito «buenrollista» do balcón durounos moi pouco?
—Eu deime conta de que naqueles momentos, que parecía que estabamos vivindo unha película de ciencia ficción, o que nos uniu a todos foi o auténtico, o xenuíno. Neste caso a nosa música tradicional. Por desgraza, é evidente que hai xente que segue sen tomarse isto en serio. Pero a min tamén me seguen chegando aínda mensaxes de agradecemento. Eu que sei… E despois, xa politicamente falando, é que se das vía libre a unhas cousas e a outras non, se a diario ves incongruencias por todos lados, é normal que a xente estea ata o nariz de que se rían dela.
—Vostede foi moi activa na defensa da cultura como unha actividade segura. Pagou a pena o esforzo?
—Supoño que si. Pero nestes momentos seguimos sendo un dos sectores máis castigados e menos axudados. Que, ollo, nós non queremos axudas. O que queremos é traballar. E pódese traballar. Durante todo o verán estivemos facendo moitos esforzos para demostrar que a cultura é segura, que se podían facer cousas. E demostrámolo.
—A quen lle pode interesar que a cultura non funcione?
—Para empezar, a cultura faite pensar. E faite pensar diferente. E que haxa xente que pense diferente ou que pense de máis, iso nunca gustou. Pero non me refiro a que alguén queira facerlle mal á cultura. Refírome a que queren facerlle ben a outros sectores cos que se supón que se gañan máis cartos.
—E despois deste disco, volverá á senda dos anteriores?
— Os seivaneiros xa me están dicindo que tal e como van as cousas vou ter que sacar o Dende o meu balcón 2… A ver, non o descarto porque quedaron moitos temas sen gravar, pero agardemos que se hai ese segundo disco non sexa porque esteamos de novo na situación de marzo.