Murakami: música, absolutamente

Miguel Mato Fondo

FUGAS

«Música, sólo música» (Tusquets) recolle as conversas mantidas en diferentes lugares por Haruki Murakami e Seiji Ozawa entre novembro de 2010 e xullo de 2011

13 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Murakami é un escritor apaixonado da música, que escoita desde a adolescencia. Un dos seus libros leva por título o dunha canción dos Beatles, Norwegian Wood.

O libro recolle as longas conversas do novelista co director de orquestra Seiji Ozawa, para quen a música é unha arte que ten lugar no tempo. Resulta imposíbel comentar aquí todas as referencias culturais que hai nel, doutras músicas como o jazz, o blues, mais durante o diálogo entre os dous artistas aparecen temas como a relación entre a lectura literaria e a musical, a relación coas demais artes e a pintura. A este respecto, hai varias referencias a obras de Klimt, así como ás influencias que aparecen nun compositor rupturista como Mahler e a relación coa música xudea, coa fin de siécle ou a popular de Bohemia, alén da tradición culta alemá.

Non foi doado seguir a conversa sobre aspectos técnicos e internos da composición musical, da arte da interpretación da partitura, e o propio Ozawa subliña a enorme complexidade destes temas. Mais creo que os seus comentarios fan tan fascinante a lectura deste libro, malia a súa dificultade para alguén coma min, amante da música clásica mais ignorante na súa lectura.

Os diálogos son apaixonados, cheos de humor, simpatía e intensidade, como a anécdota do roubo das batutas. Tamén hai lugar para a sorpresa, cando escoitan gravacións que o mestre nin recorda nin agardaba encontrar.

A parte final do libro está dedicada ao amor pola música. Desde a súa experiencia persoal, Murakami escribe este libro cun estilo refinado e emotivo. Murakami desexaría que esta obra lle interesara a quen amara realmente a música, digo eu, para alén dos seus coñecementos musicais. Tal vez, como escribe máis adiante, para quen escoitar música se transforme en «algo máis puro, nunha experiencia máis interior».