Un pioneiro da educación na natureza

A directora do Colexio Fingoi recorda os anos como alumna de Ricardo Carvalho Calero. Escolas bosque como Nenea comparten o seu modelo de educar para a vida, no que a aula está fóra, é o medio

Dúas fotos antigas do Colexio Fingoi, do que foi director e mestre Carvalho Calero (arriba, entre alumnas do centro), e unha actual da escola da natureza Nenea, que recolle a semente e aplica o mesmo lema: «Educar para a vida»
Dúas fotos antigas do Colexio Fingoi, do que foi director e mestre Carvalho Calero (arriba, entre alumnas do centro), e unha actual da escola da natureza Nenea, que recolle a semente e aplica o mesmo lema: «Educar para a vida»

A representar contos e a buscar trevos de catro follas no recreo animaba aos seus alumnos do Colexio Fingoi, de Lugo, don Ricardo. Así recordan a Carvalho Calero a escritora Carmen Blanco e Siña Fernández Puentes, hoxe directora do centro que derrubou as paredes e o teito da aula para potenciar unha educación para a vida, baseada na experiencia directa, en contacto co medio. Siña evoca ao mestre serio, estrito e esixente, ao que chegou a ver tamén «chorando da risa». O galeguista distinguido polas Letras foi o primeiro director do Fingoi. Pero Fingoi comezou na Granxa de Barreiros, no ano 48, advirte a directora, «coa creación dun escoliña integrada no medio rural, e a idea de partir para aprender do que temos máis próximo».

«Educar para a vida» foi, e é, o lema de Fingoi, que non foi polo rego do modelo educativo dos 50, para procurar unha formación holística, «na que o alumno fose o centro», di Siña Fernández. Os nenos e as nenas estudaban xuntos no Fingoi cando non estaba permitido, neses anos escuros nos que a militancia no Partido Galeguista levou a Carvalho á cadea nun convento en Xaén. «Cando el xa estaba en Ferrol, tras saír da cadea, veu a Lugo a entrevistarse co meu pai [o fundador do Fingoi, Antonio Fernández López], falaron e discutiron moito ata poñer en común o proxecto do colexio. Carvalho empezou no centro facendo de todo!: de director, profesor das áreas de lingua, literatura, filosofía... O meu irmán ten un gran recordo del, falaban da existencia, do divino, e don Ricardo sempre daba boas respostas», recorda quen tomou o relevo.

«En Fingoi nunca houbo, nin hai, manuais de texto. Falabamos... Don Ricardo sabía tanto de todo!, ía falando das cousas e ampliando cada ano. Conforme crecías en idade, ías recibindo máis volume do seu coñecemento», di a que tamén foi alumna do autor ferrolán na Universidade de Santiago. «Era un mestre que facía ler moita literatura, que facía elaborar redaccións pero non de calquera xeito. El non pasaba as tonterías. E tiña alumnos nos que se centraba moito. Nós diciámoslles 'os enchufados', pero en realidade eran xente intelectualmente moi interesante. Alumnos, sobre todo alumnas, brillantes, como Carmen Blanco, Araceli Herrero ou Adela Figueroa», relata.

«Don Ricardo era serio, pero tiña sentido do humor. Ás veces, recitabamos poemas, e el escachaba de risa, choraba coa risa... E nós diciamos: 'Co serio que é!'», revela Siña, que vai facer 50 anos en Fingoi. «Meu pai pediume que continuase na dirección do colexio uns anos despois de que don Ricardo marchase para Santiago. E o que fixen cando cheguei a Fingoi foi cambiar algunhas cousas, pero manter a liña intelectual brillante, con mestres moitas veces represaliados, que procurou o meu pai», afirma Siña, que vincula ao seu pai e a Carvalho Calero no aprecio común pola austeridade como valor vital ben instrutivo.

O excepcional da natureza

«O primeiro é ser persoa», non perden de vista no Colexio Fingoi, que contou entre os seus profesores con Méndez Ferrín ou Bernardino Graña. Nel é esencial a formación artística, educar en hábitos de vida saudables, que empezan pola alimentación, por saber comer. «Aprender fóra, da observación directa, é algo fundamental», asegura Siña Fernández. Son en xeral as mesmas liñas que poderían afastarnos da pandemia coa vacina da natureza, as que inspiran aos centros rurais e ás escolas bosque que medran en Galicia.

As fundadoras da escola da natureza Nenea, antiga unitaria de Lugo, Bibiana Marful e Sofía Otero, foron durante anos profesoras no Colexio Fingoi, no que aínda mora o esqueleto «Manolo» (ao aire libre abraiado entre alumnas nunha das fotos antigas do centro). «Fingoi nútrese da natureza, ten horta e estación meteorolóxica, e un vínculo estreito co que ocorre fóra das paredes da aula. Nenea ten tamén esa conexión co medio natural. As perspectivas son un pouco diferentes, pero nos dous casos é unha educación para a vida. Os nenos e as nenas aprenden do medio, da horta, do que lles dá a granxa. En Nenea damos un paso máis de vinculación afectiva co espazo natural, pero si recollemos a semente de Carvalho. A nosa idea é non só coñecer a natureza, senón amala, e para iso hai que vivila en primeira persoa», achega Bibiana Marful.

Nas escolas da natureza, advirten as fundadoras desta en Lugo, os nenos de 3 e 4 anos son quen de distinguir os tipos de luz que hai no bosque, «e iso é pola permanencia, por ir, por volver, por ter ese vínculo afectivo diario coa natureza».

A aprendizaxe é «sempre experiencial». A arte, «entendida como unha experiencia vital no proceso de facer, de crear algo coas mans, de danzar e cantar, ou acariñar un animal, é unha linguaxe incardinada no día a día. Ir todos os días ao bosque é tamén unha experiencia estética», sosteñen con beleza Bibiana e Sofía.

Animan tamén aos rapaces a buscar trevos de catro follas, como don Ricardo? «Si, temos unha nena experta en atopalos! É a procura do sutil, do diferente. Buscar o trevo de catro follas é buscar o abraio; é buscar o excepcional na natureza».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

Un pioneiro da educación na natureza