Cen anos con Nós

Foi a Xeración de «inadaptados» que se sublevou contra o rumbo dos tempos por Galicia. O seu legado perdura un século despois. E ten anécdotas curiosas, como a cita que se lle atribúe a Castelao: «Cando vexa a Risco cúspolle nun ollo, pero despois doulle unha aperta...»


«A idea xurdiu en Pontevedra, un serán do mes de San Xoán, que estabamos arredor dunha mesiña, na acera do café Méndez Núñez, por frente á Peregrina, o Cabanillas, o Castelao, o Losada Diéguez e mais eu [...] O Castelao foi o padriño: o título Nós pertencíalle a el; era o do seu pasmoso álbum no que Galiza xeme, chora, maldizoa e rebélase en cincuenta sepias admirábeis. Eu non sei como fixemos que o primeiro número apareceu polo outono daquel ano». Concretamente, foi o 30 de outubro de 1920 cando vía a luz a revista Nós e así o conta Vicente Risco nas páxinas da publicación bonaerense Céltiga. En realidade, a correspondencia entre eles descóbrenos que un ano antes xa estaban a madurar o proxecto, pero o financiamento foi retrasando a súa saída igual que dificultou noutros momentos a súa continuidade.

Quedan só uns días para celebrarmos o centenario dese momento clave e na Cidade da Cultura xa se pode visitar a exposición comisariada por Ana Acuña e Afonso Vázquez-Monxardín: Galicia, de Nós a nós. Durante os vindeiros meses recalará noutras cidades e non debería haber unha soa persoa neste país que non se achegase a vela. En imaxes e en palabras ofrécenos as claves dunha publicación e dunha xeración irrepetible que mudou radicalmente a concepción do noso.

Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao son tres das figuras máis sobranceiras que deu Galicia. Xunto a outros compañeiros foron quen de forxar unha rede cultural propia e formar unha elite cultural identificada coas raíces de Galicia. Coñecémolos como Xeración Nós: o nome da revista, do álbum de Castelao e tamén o da editorial de Ánxel Casal.

Os devezos cosmopolitas

Na cidade das Burgas a comezos de século dábase cita nos parladoiros dos cafés un grupo de intelectuais moi activo. O «cenáculo ourensán» formado por Risco, Otero, Arturo Noguerol e Primitivo R. Sanjurjo botara a andar a revista «neosófica» La centuria (1917). Entón as súas inquietudes buscaban o excéntrico. Parecíalles vulgar o medio en que vivían. Para eles a modernidade europea estaba en decadencia e sublevábanse contra o rumbo dos tempos, que era contrario ao humanismo e ao espiritualismo. Pola vía do exotismo sentíanse europeístas respecto a España, pero orientalistas respecto de Europa.

A comezos de 1918 o grupo incorpórase ás Irmandades da Fala, influídos por Antón Losada Diéguez. Daquela descobren a existencia dunha Galicia ata entón invisible aos seus devezos cosmopolitas. A partir dese momento, adhírense ao galeguismo, que se presenta como unha revelación, e abrazan a causa de Galicia, que será en diante o proxecto que dea sentido ás súas vidas e ao seu quefacer intelectual.

«Despois de tantas voltas e reviravoltas [...] viñemos dar na sorprendente descuberta de que Galiza, a nosa Terra, oculta ao noso ollar por un espeso estrato de cultura allea [...] ofrecíanos un modo tan extenso, tan novo, tan inédito, tan descoñecido como os que andabamos á procura por aí adiante».

Unha biografía espiritual

Así explica Vicente Risco a conversión que experimentaron nas páxinas da revista Nós, en 1933. E non foi o único que precisou xustificar o seu pasado afastado do compromiso galeguista, o propio Otero Pedrayo escribe nesa liña a novela Arredor de si (1930), que Carlos Casares cualificou como «unha biografía espiritual da Xeración Nós». O protagonista, Adrián Solovio, busca a razón da súa existencia. Para iso, abandona o pazo onde súa nai quere manter o patrimonio familiar en pé e marcha a Madrid, pero deseguida se decepciona coa cultura española. Pon rumbo a Europa: París, Berlín, Bélxica... e dende a distancia recorda Galicia e séntea como unha descuberta que dá sentido á súa vida, entón decide volver e dedicar os seus días a loitar por ela.

«Adrián soñaba que nas cátedras e nos púlpitos volverá a soar a voz de todos os mestres do mundo, e antes que outra, as voces galegas que xermolaban escuramente na Galicia. Eles ceibarían o espírito da Terra».

O seu espírito está na revista Nós, onde poden lerse artigos de historia ou recensións sobre literatura irlandesa, portuguesa ou francesa. Nas súas páxinas publicouse a primeira versión en galego duns fragmentos da tradución do Ulises de Joyce, feita por Otero Pedrayo, que é só unha mostra da mirada aberta e moderna coa que universalizaron a cultura galega sen renegar nunca do idioma propio. A música, o teatro, a pintura ou as ciencias naturais tamén son temas polos que se interesaron. As viaxes que facían a Europa, as xeiras dos Ultreya ou a visita a Galicia de Margot Sponer, a estudosa da escrita galega medieval, que publicou a súa tese en alemán sobre o estudo de textos galegos do século XIII. E, como non, a preocupación pola lingua, a etnografía ou a tradición oral.

Á fronte como director, Vicente Risco, acompañado por Arturo Noguerol como xerente, axiña se unirán Castelao como director artístico e Ánxel Casal como editor. Cuevillas, Otero Pedrayo, Losada Diéguez son algúns dos artífices da revista onde escribiron case 300 colaboradores.

Entre Ourense e Pontevedra publicáronse os primeiros dezaoito números, pero en 1923 a revista desaparece mentres outros proxectos agroman, como o Seminario de Estudos Galegos. Coa administración primeiro na Coruña e posteriormente en Compostela volve ao prelo en 1925 e durante unha década saen os seguintes números ata un total de cento corenta e catro.

Mentres fornecían a revista de contidos, participaban activamente en política, arredor do Partido Galeguista, e escribían páxinas brillantes da nosa literatura como novelistas, dramaturgos, artistas gráficos, caricaturistas, historiadores, xeógrafos, etnógrafos... Incorporan á literatura galega temas universais, lendarios, exóticos, de ambiente urbano, de fasquía filosófica e innovan con enfoques e técnicas en voga nas artes europeas que adaptan á nosa.

Cóntase que Risco tiña unha personalidade moi atraínte, ao igual que moitos dos seus compañeiros de viaxe. «Eu caracterizaría os homes do meu tempo, preocupados polas cousas do espírito, dicindo que eramos —e somos— os auténticos vencidos da vida [...] insatisfeitos, non conformistas, decote rebeldes. Vencidos da vida por inadaptados...».

A palabra inadaptados é recorrente nos seus escritos. Nas páxinas da revista Nós, Risco foi dando crónica da súa viaxe a Alemaña, que logo aparecería recollida en Mitteleuropa, onde se pode seguir a súa evolución cara a posturas máis radicais no que respecta á relixión. Séntese atraído por posicións políticas e intelectuais cada vez máis tradicionalistas ata acabar por adherirse ao levantamento fascista de 1936. E a sublevación militar dinamitou a pequena industria cultural que foran construíndo en dúas décadas. Castelao exíliase, Otero Pedrayo é depurado da súa cátedra... Contan que cando Otero puido ir a Buenos Aires, en 1947, Castelao díxolle: «Cando volva a Galicia e atope a Risco, doulle unha labazada e cúspolle nun ollo... pero despois, recólloo nos brazos, érgoo e doulle unha aperta, e póñome a chorar con el, porque... debémoslle tanto!».

Os franquistas queiman a sede da editorial Nós na rúa do Vilar, en Santiago de Compostela, e asasinan o editor e alcalde da cidade Ánxel Casal o 19 de agosto de 1936. Tamén Víctor Casas, director d’A Nosa Terra foi asasinado. O ataque contra a industria editorial implicaba destruír as cabeceiras de prensa galeguista e de orientación republicana.

O legado e a dignidade que nos deixou a Xeración Nós perduran un século e seguirán guiando o país que queremos ser e que eles soñaron antes. Grazas a eles somos nós.

A mostra inclúe pezas como a bandeira das exequias de Castelao
A mostra inclúe pezas como a bandeira das exequias de Castelao

As páxinas de «Nós» escritas a través de 300 pezas

Da maleta de Eduardo Pondal cos versos d'Os Eoas á primeira tese de doutoramento sobre a lingua galega, escrita pola alemá Margot Sponer. Do manuscrito de Noiturnio do adolescente morto —un dos seis poemas galegos de Federico García Lorca— á bandeira co escudo de Consello de Galicia que cubriu o féretro de Castelao. Do primeiro mapa de Galicia elaborado por Domingo Fontán a un programa da BBC en galego. Todos eles articulados por un nexo común: a revista Nós. Con motivo do seu centenario, a exposición Galicia, de Nós a nós, na Cidade da Cultura, mergúllase na publicación e na xeración de intelectuais que constitúe un dos alicerces da identidade galega contemporánea. «Sen Nós, hoxe non estabamos aquí; non había autonomía, non había nada», sostén Afonso Vázquez-Monxardín Fernández, que se encarga de comisariar xunto a Ana Acuña esta mostra impulsada pola Consellería de Cultura.

O relato expositivo propón unha lectura de Nós a través de máis de trescentas pezas procedentes de sesenta institucións nas que se incide de xeito especial nas conexións internacionais da revista e dos seus intelectuais. Unha viaxe de máis dun século, que parte no XIX e que chega ata a actualidade con nomes como Yolanda Castaño, Oliver Laxe, Lúa Ribeira ou Carlos Hidalgo. As 134 portadas da revista Nós —que se expoñen por primeira vez todas xuntas— están acompañadas no percorrido polo Museo Gaiás de pequenos tesouros vinculados tanto á publicación como aos nomes desta xeración, como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Arturo Noguerol, Losada Diéguez e Cabanillas.

O mapa de Fontán —«ise que Otero Pedrayo dicía que lle puxo rostro a Galicia» e que tanto admiraron os membros da xeración Nós— recibe ao visitante do mesmo xeito que se atopa no pazo de Trasalba. Neses primeiros pasos atópase, ademais, un escrito asinado por Noguerol e Risco onde piden que se coloquen bandeiras galegas na casa en xullo de 1920. É a primeira vez que se celebra o día de Galicia. Tamén está a proposta de ingreso na Real Academia Galega (RAG) de Risco, asinada, entre outros, por Murguía. Os documentos multiplícanse nesta mostra. Por primeira vez sae da Biblioteca da Deputación de Ourense o orixinal do poema de Federico García Lorca Noiturnio do adolescente morto. A mención inicial á xeración Nós chega da man dun traballo de Carvalho Calero. O percorrido non só permite achegarse ás icónicas portadas da publicación e os seus contidos agrupados por temáticas, senón introducirse nos avatares da revista, como recibos, libros de contas ou correspondencia entre os protagonistas.

Pero non todo é documentos escritos. Na exposición —que conta con pezas chegadas doutros países como Francia, Portugal e Alemaña— exhíbense a escultura de Saint Jacques le Majeur, do século XV, cualificada por Castelao como a mellor estatua bretoa relacionada coa iconografía xacobea; ou os esmaltes de Limoges da catedral de Ourense, que foron citados nos seus estudos polo medievalista estadounidense Marvin Chauncey Ross, colaborador de Nós. Todo un compendio para afondar na identidade galega.

Tecnoloxías interactivas

As páxinas da revista Nós escríbense na exposición tamén a través das novas tecnoloxías con elementos interactivos, audiovisuais e de realidade aumentada, todas elas adaptadas á era covid, polo que non é necesario tocarlle, senón que contan con detectores de presenza e movemento. Deste xeito, a través da realidade aumentada, os visitantes poden mergullarse no campamento romano de Aquis Querquennis, escavado por primeira vez por Florentino López Cuevillas, membro de Nós. Outra das posibilidades é achegarse ás páxinas da revista coñecendo os seus temas, así como experimentar coa súa iconografía deseñada por Castelao. Tamén se pode viaxar ás cidades galegas do século XIX.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
22 votos
Comentarios

Cen anos con Nós