A maxia de Ons faise letra e debuxo

FUGAS

Pablo Rosendo

Anxos Sumai e Pablo Rosendo asinan a dúo un libro que inaugura unha colección de visións literarias e gráficas das illas galegas

09 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Catro ollos ven máis que dous», reza o secular aforismo. E se eses ollos son os de nomeados escritores e ilustradores, non só ven máis senón que o ven, e narran, mellor. E diso vai a colección Illadas que inaugura este Sendas de Ons. De propoñerlle a un escritor -neste caso foi á catoirense Anxos Sumai- e a un ilustrador -o vigués Pablo Rosendo- unha residencia artística nunha illa galega. Alí pasarán un días, xuntos ou por separado -para este libro foron en distintos momentos- e trasladarán ao papel e ao caderno as vivencias, as experiencias, as emocións e as reflexións que lles provoque a súa estadía. Sen ningún tipo de premisa nin condicionante previo.

Ao final, o resultado é como se tivésemos dous libros nun. Con dúas panorámicas, dúas perspectivas (unha escrita e outra debuxada) dunha mesma realidade, dunha mesma paisaxe, dunha mesma experiencia. Como explica Gemma Sesar, responsable de El Patito Editorial, «non se trata de que o ilustrador debuxe o que escribe o escritor, nin de que este describa o que ilustrou o debuxante, senón de que cada un deles lle achegue ao lector a súa visión e o seu relato, sexa gráfico ou literario».

Para a publicación que abre a colección, Anxos Sumai conta que se limitou a contar a súa experiencia «dende o punto de vista sensorial». Non profunda, efectivamente, na historia nin nas lendas do lugar, que para iso existen outras publicacións. Nin se recrea nun relato ficcionado ou dramatizado, que era outra das posibles tentacións. «O que fixen foi, sinxelamente, unha crónica das sensacións e as emocións que me acompañaron nos catro días que pasei en Ons como camiñante na primeira semana de xuño do 2018».

A escritora catoirense nunca estivera na illa, mais confesa ao inicio do relato que non esperaba atopar nada extraordinario porque é boa coñecedora da paisaxe das rías. «Abóndame co silencio e a soidade. Cos ulidos, os sons e sabores. Coa distancia emocional da moleza das praias á violencia das rochas», escribe.

E xusto foi todo o contrario o que atopou á súa chegada. «É tanto o ruído, tanta a trasfega, que a miña ilusión da illa como destino tranquilo e silencioso comeza a esvaecerse», narra a modo de lembranza das súas primeiras horas en Ons.

Mais, por fortuna, foi só un intre desafortunado. «A illa enseguida me resultou moi acolledora e moi cálida. O silencio impúxose e lonxe de desacougarme, resultoume tranquilizador», lembra agora.

Ata o punto de que a escritora recoñece que chegou un momento no que a sensación de paz e atemporalidade foi tal «que poderían ter ocorrido calquera acontecemento ou aparecido calquera personaxe do século pasado e pareceríame normal».

No que si se recrea profusamente o relato de Anxos Sumai é na toponimia e no léxico botánico e zoolóxico do que vai atopando no seu discorrer pola illa. A descrición de plantas e animais, ademais de abundante, é minuciosa e rigorosa. Unha achega que ben se agradece.

E máis que se agradece aínda a atraínte capacidade de suxestión que desprega á hora de describir o seu paso polos moitos recunchos da illa: polo Mar de Dentro, polo Mar de Fóra, polas praias, os cantís, o faro, os restos do castro, o Buraco do Inferno... Todos tinguidos por un cativador halo de maxia que agranda a súa beleza.

Pregúntolle entón polo seu recuncho favorito. «A cabeza de punta Centolo. Dende alí tes unha impresionante vista panorámica en 360 ° coas entradas das rías de Arousa e Pontevedra enfronte. No momento no que cheguei, sentín que alí, para min, confluía todo o universo».

Non en van, Punta Centolo é protagonista dunha das ilustracións de Pablo Rosendo. O autor compón un colorista caderno de viaxe no que fai especial énfase nos aspectos relacionados coa natureza da illa. Coa visitada e coa indómita. Reflectida á perfección nunha vintena de imaxes que apenas precisan de detalles.

Narra Anxos Sumai que en Ons conflúen moitos mundos que se superpoñen. Ao tempo confesa que non foi quen de achegarse a todos eles. «Deume para percorrer a pel, pero non para entrar na carne, non para profundar na esencia dos habitantes». Se cadra porque no fondo, como ela advertiu, Ons «ocúltase en si mesma». Por momentos as súas rutas desaparecen cegadas «como a memoria dos seus habitantes». Pouco importa. «Os camiños son metáforas da vida». Outro achado.

Tras este primeiro libro a colección Illadas continuará con outros, xa en produción, dedicados a A Toxa (a cargo de Mercedes Corbillón e Maru Godas) e a Illa de Arousa (Gracia Lacal e Catalina Rodríguez). En previsión están os das Cíes, Tambo, San Simón, Sálvora e Sisargas.