Memoria de Ezkaba


As investigación e publicacións de Redondo Abal son sempre unha garantía de traballo concienciudo e rigoroso co pano de fondo da recuperación da memoria histórica. Neste ronsel sitúase este ensaio que afonda na presenza dos galegos nunha das fugas carcerarias máis sorprendentes e esquecidas, como foi a evasión de 795 presos do penal franquista de San Cristóbal, situado no monte navarro de Ezkaba a poucos quilómetros de Pamplona, o 22 de maio de 1938, e da que unicamente tres lograron o seu obxectivo, mentres que os seus catorce organizadores foron fusilados en agosto dese mesmo ano e outros fuxidos caeron abatidos en poucas horas. Dos fuxidos, case douscentos eran galegos -os máis deles albaneis, canteiros, labregos ou mariñeiros- e cincuenta e catro morreron no intento.

Este volume, prologado polo profesor Claudio Rodríguez Fer, infórmanos da historia do penal e realiza unha achega substancial respecto dos galegos que ingresaron nunha prisión con condicións extraordinariamente duras que contaba cun dos índices de mortaldade máis elevados do franquismo. Revélanse aquí os datos persoais dos reclusos galegos fuxidos, case douscentos, as acusacións polas que foran detidos no seu día e, ao tempo, a sorte que correron cando foron capturados tras a fuga: moitos condenados a morte ou sentenciados con novas penas que se engadiron ás que xa traían doutros centros de reclusión.

Non son unicamente datos, de seu relevantes, os que se desvelan: hai tamén historias, de «vida, cárcere e morte», estarrecedoras como a do último detido da fuga -Amador Rodríguez Solla, de Salceda de Caselas-, do taxista de Cee que arrincou un bando de guerra ou da sorte dos responsables do intento de ocupar os cuarteis na Coruña en setembro de 1936, entre moitos outros testemuños. Inestimable o valor deste libro que contribúe a reparar a desmemoria e a dignificar as vítimas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Memoria de Ezkaba