Literatura sen lei nin principios


O mundo editorial non está para celebracións, en pleno suspense polos novos tempos e máis perplexo ca nunca ante un futuro ateigado de incertezas. Semella complexo aventurarse con vaticinios, pero algunhas voces autorizadas do sector coinciden en que esta crise debería ser aproveitada para deixar de publicar a ritmos imposibles para os lectores, mesmo para aqueles máis atentos aos últimos lanzamentos. Que cliente dunha libraría non sentiu algunha vez que lle faltaba o aire ante a enchente de novos títulos que cada mes asaltan os escaparates? Sería desexable que os libros prolongasen máis tempo a súa vida entre as novidades e sosegar o ritmo dun modelo perverso que deixa polo camiño unha morea de vítimas, obras e autores que nunca leremos porque marcharon tan rápido como viñeron. Pero todo apunta a que esa redución de títulos, tan necesaria para non seguirmos soterrando libros con outros libros, vai consolidar con forza a uniformización da oferta, priorizando valores comerciais en detrimento de propostas arriscadas ou de dixestión máis lenta. Editaranse menos volumes e quizais collamos folgos diante das mesas de novidades, pero será a troco dunha homoxeneización en alza que nos privará de praceres insólitos, rarezas, axitacións por páxinas inesperadas. Non se albiscan tempos visibles para unha literatura que camiñe polas marxes, non conciliadora, abrupta. Nada que obxectar, en principio, a un razoable decrecemento da oferta que estenda a vida dos libros, pero nunca mediante o afogo de todo aquilo que se presente con vocación excéntrica.

Hai outra circunstancia que ameaza a diversidade da oferta editorial, intimamente relacionada con polémicas similares á que se desencadeou estes días á conta de Foise co vento, unha película tan racista como obrigada para entender a historia do cine. Cada vez tendemos máis a destacar os produtos culturais acentuando os valores sociais que defenden, sendo ao mesmo tempo demasiado indulxentes coas súas eivas artísticas, e a ignorar aquilo que se presenta baixo o único amparo da vontade por cultivar unha ficción, con independencia de que poida concordar ou diferir do rumbo moral que sinalan algúns tribunais contemporáneos. Esta ocupación do espazo a cargo dunha literatura que exterioriza sen pudor unha función cívica, escudada en intencións edificantes, correctora da realidade, fronte outra menos hixiénica e contraditoria, que non atopa máis xustificación para existir ca unha ansia do seu autor por relatar o mundo, está a limitar o acceso a esas obras que exceden o inquietante estadio mental en que seguen instalados aqueles que aínda confunden, por exemplo, a presentación dun feito coa súa exaltación. Dicía Ezra Pound, líder supremo dos contraditorios: «A persoa que le debe ser unha persoa intensamente viva, e o libro debe ser como unha bola de luz na nosa man». Fronte ao posibilismo do mercado e un predominio crecente da doutrina, quizais haxa que armarse cunha vara de radioestesista para detectar eses libros subterráneos, sen lei nin principios, que nunca deberían camiñar sós.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Literatura sen lei nin principios