Amar o portugués

Ramón Nicolás

FUGAS

15 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sería outubro de 1988 e na antiga Facultade de Filoloxía de Mazarelos máis dun cento de persoas agardabamos a primeira clase de lingua portuguesa a cargo dun profesor chamado José Luís Rodríguez. Cando comezou a falar naturalmente en portugués, e sen subir ao estrado para procurar a proximidade, prexuízos que agora me parecen inintelixibles provocaron certa hilaridade que o profesor atallou non sei con que argumento, mais si con afabilidade e rotundidade. Tal foi así que durante dous cursos aprendemos a amar a lingua portuguesa e fixo dela unha taleiga que sempre viaxa connosco.

O profesor xubilouse e os seus amigos e compañeiros homenaxeárono con este libro de entrevistas guiado por Elías Torres. Nel apélase á súa fértil memoria e engádese un corpus apreciable de fotografías e documentos. Con naturalidade, viáxase pola súa biografía máis persoal mais salientan motivos recorrentes que, dalgún xeito, se entretecen co seu percorrido profesional como é o reintegracionismo, que ocupa un bo número de páxinas do volume, alén dos aspectos relacionados coa súa formación académica e as vicisitudes dos seus longos anos de docencia universitaria.

A conversa non obvia os conflitos experimentados e fala con liberdade de persoas que tratou como Constantino García, Guerra da Cal ou Pilar Vázquez Cuesta. Con todo, gozan de especial relevancia as palabras que dedica a dúas persoas que o marcaron profundamente como foron Manuel Rodrigues Lapa e, sobre todo, Ricardo Carvalho Calero, a quen apreciou como un mestre e de quen fai responsable de botar a andar a historiografía literaria galega e a crítica científica de tipo universitario.

En marzo de 1989, José Luís Rodríguez porfiou para que, sendo estudante, visitase o despacho do cuarto andar da Facultade e coñecese a Carvalho Calero. Foi aquela unha conversa curta mais desas que se lembran sempre. Nunca llo agradecín, mais aquí fica dito.