Highsmith e Ferrín, Peace e Kobayashi

FUGAS

PILAR CANICOBA

«Parecía cansado, que es lo que se lleva ahora, estar agotado y alerta a la vez. Llevar una vida de hipertenso». En Sánchez (Anagrama), a estupenda novela de Esther García Llovet, a narradora refírese así ao protagonista da historia, un delincuente de arrabalde madrileño, introspectivo e perdedor, afogado polas débedas e residente habitual nas profundidades da noite. En certa medida, o nervio da contemporaneidade obríganos a todos a comportarnos coma Sánchez e os flamengos, que dormen sobre unha pata cun ollo aberto por se lles sobrevén unha urxencia. Vivimos instalados nun cansazo perpetuo, carta de presentación que goza de gran prestixio, pero saltamos ante calquera alerta coma se o sentido último da vida consistise en despachar simplezas o antes posible. Estamos en guerra coa tranquilidade, sempre vixiantes para nada, se cadra para non pensar que máis alá do estímulo nos agarda esa consciencia de nós mesmos que é o aburrimento. Por iso resulta tan subversivo nesta época o ánimo sixiloso, a desconexión, a potencia do raciocinio lento. As grandes novelas sobre a crise que sufrimos non están sendo escritas estes días. En canto saiamos á rúa, o mercado editorial tentará convencernos con ultraprocesados apetitosos, pero as obras máis elocuentes chegarán ata nós sen ruído nin precipitación, agromando dende as marxes, aínda en posturas incómodas. E serán grandes non por abordaren a pandemia a base de explosivos, senón por peneirar a substancia desta traxedia con virtude destiladora.

Sobre a valoración da pausa e a recompensa da lentitude escribiu Andrea Köhler en El tiempo regalado (Libros del Asteroide), un deses libros extraordinarios aos que sempre presta volver en pequenos fragmentos, buscando quizais un parágrafo revelador que nos acalme deste maldito virus do apuro. «A espera é un estado en que o tempo contén o alento para lembrar a morte». Con esa dura lección tan ben aprendida estes días, seguimos todos á espreita dun paraíso que unha tarde marchou pola ventá e xa nos tarda demasiado. Agardando a que por fin poidamos volver á rúa, a un simulacro de normalidade para o que xa non andamos moi sobrados de folgos. Agora pisaremos as prazas e teremos que exercitar un novo tipo de espera, un entreacto colectivo do que só sabemos que nos traerá unha morea de incertidumes e esa impresión anovada de que nos botaron dunha festa. Cada un terá que coidar do seu tempo expectante, respiralo con vagar, protexelo como mellor saiba. Köhler confesa o seu amor polas transicións e os intermedios, polo lapso en que as cousas aínda resultan incertas. Con ese espírito penso agardar por David Peace e Tokio Redux, que en España publicará Hoja de Lata, pola obra poética completa de Méndez Ferrín que editará Xerais o vindeiro ano, polos diarios de Patricia Highsmith que leremos por fin en Anagrama, ou por Takiji Kobayashi e a súa Kanikosen, clásico proletario xaponés que prepara Hugin Munin para o verán. Todo sexa por poñer distancia con esta vida de esgotados en alerta á que nos someten os malos.