Canto á emigración e o matriarcado galegos

Xesús Fraga evoca na figura da avoa Virtudes a varias xeracións de galegos que ergueron o país


Quen non ten un avó ou un bisavó que tratou de facer as Américas ou probou sorte en Suíza? Que galego non conserva parentes en Cuba, Venezuela, a Arxentina, Alemaña ou Inglaterra? Quen non garda entre as fotos familiares unha muller que termou ela soa de toda unha xeración dos seus (e de dúas)? Unha muller que, sobre as súas costas, levou a carga de fillos e netos, aos que sacou adiante sen nunca pedir nada. Ah, aqueles si que eran traballiños. Sacrificios que hoxe non gusta lembrar, que non teñen glamur, evocan a dor, os calos nas mans, a miseria, a fame da Guerra Civil, da posguerra e o moi longo franquismo. Quen quere celebrar as renuncias xa pasadas? Os leiros, as dúas vaquiñas, as patacas, o barco que partía do porto da Coruña ou de Vigo, as despedidas. Camiños cheos de lama, de silencio. Son fitos da historia particular de cada un que esvaecen nunha caixa de galletas, nunha avellentada fotografía, unha imaxe na que atopamos xa moitas dificultades para identificar aos grandes protagonistas das nosas vidas. Para lembrarnos felizmente quen somos, de onde vimos, quedan -con sorte- os pais, unha tía solteira, os avós... Hai que aproveitalos, axiña. E tamén temos os libros como a última novela de Xesús Fraga (Londres, 1971), Virtudes (e misterios), coa que vén de gañar a 38.ª edición do Premio Blanco Amor e na que o escritor e xornalista betanceiro rende unha valente e fermosa homenaxe a quen tanto lle debe, á súa avoa.

A personaxe de Virtudes emerxe no relato como unha forza sobrenatural, que fai da desgraza o motor da súa aventura. Marcha a Londres porque debe alimentar a tres pequenas -que deixa en Betanzos ao coidado de súa nai- e, sobre todo, como reafirmación de si mesma ante a deserción do marido. El emprendera viaxe -anos antes e sen o consenso dos que quedaban na casa- tras o prometedor soño do paraíso venezolano, pero pronto deixa de dar noticia e nunca manda os cartos que tanto necesitan a muller e as fillas.

O enigma desa fuxida cara adiante alén mar contraponse á claridade e orde da empresa londiniense da esposa, Virtudes, que multiplica os empregos e envía con frecuencia roupa, utensilios e diñeiro para que súa nai poida criar as nenas que ela bota tanto de menos. Deixa afouta a aldea, todo o cativo universo que coñece, pola metrópole máis moderna do mundo, sen saber nada do idioma nin daquel país. A cegas. As nostalxias non teñen cabida no seu proxecto, cheo de abnegación e pragmatismo. O ansiado futuro regreso paga calquera privación por grande que sexa.

Fraga compón un canto á súa avoa que é unha oda a toda a emigración e ao matriarcado galegos, que tanto explican a historia do país, de como se ergueu. E faino con distancia exquisita, sen xulgar (incluso o pecado do seu avó sae indemne), sen ansia de axustar contas. Vai tras a verdade, a memoria, e onde non chega, intúe, imaxina, novela, trata de comprender, sen límites. Detrás daquilo está a súa identidade, está el, están os seus fillos. Coma súa avoa, o escritor non ten medo, non pode telo.

«Virtudes (e misterios)»

XESÚS FRAGA

EDITORIAL GALAXIA PÁXINAS 410 PREZO 19,70 EUROS

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Canto á emigración e o matriarcado galegos