A viaxe á procura da historia familiar do escritor e xornalista Xesús Fraga
OURENSE

Presentada no Liceo de Ourense a obra «Virtudes (e misterios)», Premio Blanco Amor de novela 2019
19 mar 2020 . Actualizado a las 17:25 h.Hai episodios ou circunstancias que rematan por condicionar toda unha vida. Por darlle un novo rumbo e mesmo por escribir unha outra etapa nunha saga familiar. E pode acontecer, por que non?, que co paso do tempo e varias xeracións enriba, alguén converta esa realidade histórica nun relato. E mesmo que o tal sexa considerado como unha novela que merece ser recoñecida cun dos premios máis senlleiros e emblemáticos do panorama literario galego: o Blanco Amor.
E todo isto, que pode semellar unha historia ou un escenario especulativo, ocorreu e os protagonistas -agora- son coñecidos. A obra literaria ten nome de muller, Virtudes, e o autor é o seu neto: o escritor Xesús Fraga.
O episodio que marcou a historia da familia do escritor non é descoñecido na realidade da emigración galega. O zapateiro Marcelino Sánchez marchou facer as américas á terra da fartura chamada Venezuela. As cousas non foron como estaba previsto: o betanceiro non mandaba diñeiro, logo rexeitou que a súa muller se fose para alá e rematou por non dar sinais de vida. Virtudes Edreira estivo certa en que nada podía agardar do zapateiro e de Venezuela, e como matriarca forte botouse a andar -é un dicir- e emigrou ela tamén. Desta volta a Londres, multiplicando as horas e os traballos para mandar o diñeiro necesario para sacar adiante ás tres fillas que deixara en Galicia.
Pasou o tempo, a nai do escritor tamén se foi a Londres e nesa mesma cidade, onde casou, nacía o xornalista e escritor Xesús Fraga no ano 1971. O redactor de Cultura de La Voz de Galicia rematou por facer o camiño de volta: a familia retornou e o Betanzos orixinario é o seu territorio.
Desta historia, de facer xustiza cos seus, naceu Virtudes (e misterios) e a obra foi recoñecida co Premio Blanco Amor. Xesús Fraga presentouna no Liceo de Ourense, nunha conversa con Antón Vidal Andión -da editorial Galaxia- e o crítico literario César Lorenzo Gil. Con anterioridade, Fraga e Andión, deron a coñecer o traballo na Deputación de Ourense nunha rolda de prensa na que tamén participaron o presidente do organismo provincial -que promove a convocatoria-, José Manuel Baltar Blanco, e o director da Fundación Blanco Amor, Luís González Tosar.
O escritor e xornalista recoñeceu sentirse reconfortado logo de escribir a historia e ver como foi valorada polo xurado do premio literario. Tamén que pasou moitos anos dándolle voltas ao proxecto e que tivo que vencer moitas dúbidas: «Non sei se é o mellor que levo feito, pero si que é o máis importante e estou moi satisfeito por contarlle aos meus fillos de onde veñen e narrarlles a historia dos seus devanceiros». Sinalou Fraga que as vivencias dos emigrantes «case todas son parecidas e, ao seu xeito, todas son diferentes».
González Tosar salientou a traxectoria como escritor e xornalista do premiado, reinvindicou a memoria de Blanco Amor e apuntou algúns dos proxectos futuros da fundación, como o que se dará a coñecer en setembro e que está relacionado coa faceta xornalística do ourensán.
Pola súa banda Antón Vidal Andión agradeceu o feito de que Xesús Fraga optase por Galaxia para editar Virtudes (e misterios) e lembrou que este 2020 será especial para a editorial ao cumprir os seus 70 anos.