Á caza do bestseller galego

As editoriais españolas miran para Galicia. Domingo Villar, Arantza Portabales ou Ismael Ramos son os nomes dun novo fenómeno. A literatura galega tamén quere saír fóra


diferenza pódese ensinar cos dedos dunha man. Se hai dez anos servían para contar os nomes de escritoras e escritores galegos de narrativa traducidos con éxito ao castelán, hoxe as dez falanxes non chegan. Ao grupo das firmas consolidadas, Manuel Rivas e Domingo Villar entre eles, hai que engadir fenómenos emerxentes, coma o de Inma López Silva ou Arantza Portabales, dúas apostas de Lumen, unha das marcas do xigante Random House, que tamén fichou a Pedro Feijoo con Ediciones B. Mentres, o Grupo Planeta fixo o propio con Ledicia Costas. Carlos Meixide, Diego Ameixeiras, Berta Dávila, Antón Riveiro Coello, María Xosé Porteiro, Begoña Caamaño, Xesús Fraga -que publicará este ano a tradución ao castelán do seu Premio Blanco Amor, Virtudes (e misterios), en Xordica-, María Solar ou Manuel Gago son outros dos autores que van abrindo camiño. Nesta exportación da cultura galega mesmo a poesía agasalla unha das últimas alegrías. A protagonizada por Ismael Ramos, cuxa versión en castelán de Lumes (Apiario), Fuegos (La bella Varsovia), foi premiada este 2020 polas librerías independentes españolas. As letras galegas están de moda, será esta pasaxeira?

«Non é unha sensación, é un dato que se pode constatar na axencia española da base de datos do ISBN», responde Francisco Castro. O director xeral de Galaxia participa deste bum. Este 2020 publicou en galego, castelán, catalán e vasco Tantos anos de silencio. Algo que nunca sucedera cun título orixinal de narrativa en galego.

A tendencia

Francisco Castro sinala o 2016 como punto de inflexión. «É unha cuestión de madurez do propio sistema, de tantos anos traballando, o que nos permite ter apalabradas traducións cando a novela se está escribir. Antes eran casos esporádicos», subliña Castro. Galaxia é a casa editora de Arantza Portabales e Inma López Silva, cuxos últimos títulos se lanzaron de forma simultánea nas dúas linguas cooficiais.

O responsable doutra das editoriais do país con máis volumes publicados, Fran Alonso, director de Xerais, desliza o papel cada vez máis decisivo dos axentes literarios e concorda: «É unha progresión lóxica, cos anos, o prestixio da literatura galega foi aumentando e hai máis demanda. Isto non quere dicir que sexa fácil, non o é. En España non hai unhas dináminas establecidas de intercambio das literaturas peninsulares». Coa súa editorial traballan desde Manolo Rivas a Suso de Toro. Tamén Ledicia Costas. O seu éxito con Infamia (Xerais) animou a Destino a levar ao castelán o thriller que se suma a outro fenómeno, o da chamada novela negra galega. «Hai unha novidade respecto a hai dez anos. Hai moitos escritores galegos que son buscados para traducir os seus libros para o mercado español e internacional», remarca outro escritor, Manuel Gago. O seu O anxo negro (Xerais) tamén vén de ser traducido á lingua de Cervantes.

O fenómeno Villar e o audiovisual

No 2006 a publicación paralela de Ollos de auga, con Galaxia e Siruela, marcou un antes e un despois. «Domingo Villar é a nosa cabeza», afirma o editor Francisco Castro. O creador de Leo Caldas segue abrumado polo tirón do seu inspector. A última entrega, O último barco, vai pola terceira edición en galego e pola duodécima en castelán, que se achega ás 100.000 copias vendidas. Unha cifra redonda que o coronavirus, que tamén está a afectar ao sector, impediu festexar. «O lado bo é que comecei a escribir antes do previsto a próxima novela», confesa Villar. Afincado en Madrid, asina sempre as dúas versións da súa serie policial. «O universal é o local sen paredes. Pode haber algún fito. Un libro e unha serie como Fariña axudan. Vai todo un pouco da man. Unha serie de televisión en prime time como Néboa fai un rebumbio máis grande ca un libro», di Villar, que vincula a irrupción recente do audiovisual galego en Madrid coa expansión da nosa literatura.

«Al igual que en las series, lo que sí creo es que están de moda los autores gallegos. Más que las traducciones, lo que atrae es Galicia. Hay un repunte del interés en todo lo gallego», destaca Ofelia Grande de Andrés, a editora de Villar en Siruela, selo con sede en Madrid. «Siempre estamos buscando Domingos Villares, sean gallegos o de Murcia, con la capacidad de convertir lo local en universal», insiste la directora de Siruela. «Estamos creando unha cultura que interesa», opina tamén Fran Alonso, de Xerais.

«Sí, se están publicando a muchos escritores a la vez en las dos lenguas, pero es más díficil que un libro editado primero en gallego, salvo un éxito que haga prever que será extrapolable al castellano, se traduzca. La tendencia, lo más fácil, es hacer una apuesta conjunta», aclara a editora. O problema de fondo, di, son as vendas «salvo exitazos, son ridículas. Más del 70?% de los libros en castellano no venden ni 1.500 ejemplares», recoñece Ofelia Grande.

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coinciden na relevancia das últimas traducións, pero o seu presidente, Cesáreo Sánchez, matiza ao respecto: «Está a haber máis traducións de libros galegos ao castelán e a outros idiomas cualitativamente importantes. Cuantitativamente, creo que aínda non son os que unha literatura, coa capacidade e a fortaleza creadora como a galega, debera ter».

Este non é só un camiño de ida, senón tamén de retorno, as traducións sempre conlevan visibilidade social e cultural»

O apoio institucional, máis forte en literaturas como a catalá, é unha das eivas que apunta Sánchez: «Merecemos que as nosas editoras teñan todo o necesario para internacionalizar a obra dos nosos escritores. Máis que ingresos cuantitativamente importantes, significan o recoñecemento da necesaria profesionalización do sector». Ademais, hai outro punto positivo: «Este non é un camiño só de ida, tamén trae retorno. As traducións sempre conlevan visibilidade social e cultural».

A pioneira literatura infantil

Malia que poida semellar unha tendencia novidosa, a tradución ao castelán tivo uns pioneiros: Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xabier Docampo... Nos anos noventa, a literatura infantil e xuvenil galega non só botou raíces nos máis novos grazas á unha xenuína aposta no ámbito educativo, tamén se fixo con premios nacionais sen necesidade de translación ao castelán. «Todos xente do ensino, nacida arredor dos cincuenta, con ganas de cambiar o mundo: nenas protagonistas, aventureiras», conta Fina Casalderrey, que destaca unha anécdota: «O premio Edebé convócase para todas as linguas do Estado, pois ben, en 1994 concedéronllo a Agustín, en 1995 a Gloria Sánchez e en 1996 a min. Tres anos consecutivos a tres galegos! Nunca antes nin despois se deu esa circunstancia».

Esta eclosión fixo voar sen complexos ás historias contadas en galego. «Antes deixabamos que o libro respirase en galego, que dese os primeiros pasos en solitario, un ano, dous anos... e, se nos propoñían algunha historia en castelán, poñiámoslle condicións: “Se primeiro a sacades en galego”», lembra Casalderrey. «A realidade é que ás veces dámoslle mérito ao noso cando antes llo deron fóra. Iso, para a edición galega, non é bo. Moitos van optar pola opción castelá», teme.

Escribimos e editamos en galego para que nos lean en todo o mundo. Paul Auster non escribe só para que o lean en Manhattan»

Pero o castelán pode empurrar as vendas en galego. «O recoñecemento noutros ámbitos culturais fai que aquí se vexa con moita máis claridade o que temos», indica o editor Fran Alonso. «Cando outra latitude lingüística merca os teus dereitos é un subidón, escribimos en galego non para que nos lean só en Galicia, senón para que nos lean en todo o mundo. Paul Auster non escribe só para que o lean en Manhattan», engade Francisco Castro.

«Non fai falta que ninguén toque a campá na Meseta para que reparemos no noso. Só era cousa de tempo que se decatasen os demais», pensa Domingo Villar. A calidade literaria non entende de enderezos. «O misterio dos fillos de Lúa (SM) traducírono logo do Premio Nacional do 1996 e, nun ano, vendéronse 10.000 exemplares. Se non fosen as traducións ao castelán non tería lectores en Perú, México, Arxentina», enumera Fina. Ter lectores, ese «é o verdadeiro premio», conclúe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Á caza do bestseller galego