«Nunca pedirei perdón por nada do que diga»

O humorista Róber Bodegas estrea «Fango» en Galicia


Residencia semanal na Gran Vía madrileña, programa en Comedy Central, colaboración en La Resistencia, os vídeos e os espectáculos de Pantomima Full... E agora tamén novo monólogo propio. Non hai cabeza que dea para tanto. A non ser que sexas Róber Bodegas, o noso Iron Man da comedia.

­-Estrea «Fango» en Galicia. En galego ou en castelán?

-Seguramente en castelán. É un texto recente. Non o teño rodado. A primeira vez sería complicado traducilo sobre a marcha.

­-A cousa vai do que suxire o título?

-Totalmente. Abordo eses temas que agora, cos límites do humor, son tabús.

­-Cales son eses temas tabús?

-Suicidio, relixión, minorías... E despois hai unha parte máis actual na que falo da miña polémica polo dos xitanos e das redes sociais. Tamén plantexo un xogo co público para medir ata onde queren chegar. Teño un texto B por se queremos relaxar o ambiente. Pero cando lle dou a escoller sempre me piden o da tralla.

­-Que conclusión sacou daquela polémica?

-Que a xente está moi radicalizada. As reaccións foron desmedidas. Aínda que fose un chiste torpísimo non deixa de ser un chiste. Estamos vendo a diario xente que di iso mesmo ou burradas peores, pero en serio. E teñen escanos no Parlamento. Semella que ás veces é máis grave dicir as cousas de broma que dicilas de verdade.

­-E que aprende un dunha situación así?

-A lección número un é que pedir desculpas non serve de nada. Quen está contra ti non quere desculpas. O que quere é que caian sobre ti as peores consecuencias. Así que o de pedir perdón é algo que non volverei facer. Por moito ruído mediático que tivese aquela polémica, medido en persoas é unha porcentaxe ridícula. Se eu fose o inimigo público número un, seríame moi desagradable ir pola rúa. Pero cando ves que en moi pouco tempo todo segue igual é porque aquilo era intranscendente.

­-¿Que opinión lle merecen os influencers?

-Están sobrevalorados. Hai unha obsesión con medir o valor polo número de seguidores. Hai películas feitas por actores que teñen miles de followers e son un fracaso.

­-Dá a sensación de que o humor máis comprometido estase facendo nas canles de pago. É imposible facer hoxe ese tipo de humor na tele en aberto?

-É moi complicado. Pero tamén porque o público ao que te podes dirixir con ese tipo de humor xa non está na televisión en aberto. Fíxate o que pasou coas series. Cando intentaron encaixar series como Los Soprano, The Wire ou Breaking Bad na tele en aberto foron un fracaso.

­-En Madrid temos a vostede, a Miguel Lago, Javier Veiga, David Amor... Hai un «lobby» de cómicos galegos na capital?

-Empeza a habelo, si. Touriñán ou Carlos Blanco tamén botan aquí xa longas tempadas. E mola. Non polo feito de que esteamos en Madrid, senón por ver que hai cómicos galegos en primeira liña. De Touriñán, constantemente che dicían «oye, ese tío que lo peta tanto en Galicia, ¿por qué no se viene aquí?». Igual que no seu día houbo en Madrid unha invasión manchega, agora o talento chega de Galicia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Nunca pedirei perdón por nada do que diga»