Un clásico imperecedoiro

Ramón Nicolás

FUGAS

Ralph Crane

Ramón Nicolás escribe sobre «O longo adeus», de Raymond Chandler

14 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan José Saer, un excelente escritor e crítico arxentino inxustamente descoñecido entre nós, afirmaba que na obra de Chandler un obxectivo da súa indignación viría a ser o «capitalismo monopolista que envelena a vida americana» e engadía que, ao seu xuízo, a fobia antimercantil que abrazaba podería entenderse como un elemento clave para a interpretación da súas novelas.

Talvez haxa algo disto, da deshumanización do noso tempo, nun texto relevante na obra de Raymond Chandler (1888-1959) como é O longo adeus, que chega arestora á lingua galega nunha espléndida e coidada edición, de cuxa tradución se responsabilizaron con pericia Diego Ameixeiras e Alejandro Tobar. Ambos os dous deseñan, se cadra, o Philip Marlowe máis fiel ao espírito chandleriano que eu lin: un clásico defensor das causas perdidas, definido polo seu autor como unha ecuación na que interviña o espello da mente americana, unha dose de realismo tosco, un chisco de vulgaridade, moito de enxeño estridente, puro sentimentalismo e un océano de expresións vernáculas.

Chandler sabe que a lectura é complicidade e faino coa forza dunha corrente imparable. Non permite o acougo e non é difícil xustificar a pertenza desta novela ao ámbito dos clásicos da narrativa negra. Velaquí unha trama que nos sitúa nun labirinto que agroma das consecuencias dun asasinato ao que se suceden fuxidas, visitas a baixos fondos ou a atmosferas sofisticadas con xiros argumentais sorprendentes, entre eles a dun escritor atormentado. Nela percíbese ese humus dun autor que sabe como crear ficción de calidade a través dun espléndido e crítico retrato da sociedade norteamericana dos anos cincuenta do século XX, pero aínda vai máis alá, pois no fondo quen o dubida tamén pon sobre a mesa unha reflexión imprescindible sobre conceptos como son a xustiza, a soidade ou a amizade. Non é pouca cousa.