Susana Seivane: «Talento hai, pero faltan oportunidades»

O día 21 cúmprense 20 anos da publicación do álbum co que rachou tabús e fronteiras. Celebrarao cun concerto especial, pero sobre todo coa satisfacción de ter sido sempre coherente consigo mesma


Vinculaban os nosos antergos a aliñación dos astros á chegada de catástrofes. Mais non foi o caso. Senón todo o contrario. Nos primeiros meses de 1999 dous discos de debut provocaron un revolcón nunca antes visto na, ata ás veces demasiado, sosegada escena do folk galego. Os dous levaban sinatura feminina. Dúas rapazolas de apenas vinte anos. Unha co pelo verde. A outra loira, cun corte a lo garçon. As dúas aparecían nas portadas daqueles cedés sentadas no chan coas pernas cruzadas e sostendo un instrumento que ata entón fora case de exclusividade masculina, a gaita.

Cando se vai cumprir o 20.º aniversario daquel fito, unha daquelas rapazolas, a loira, convertida hoxe en icona e referencia da música de fusión apegada á raíz, lembra con agarimo pero sen nostalxia aqueles primeiros e inquedos tempos. Mesmo lembra o momento mesmo no que tivo por primeira vez nas súas mans un exemplar do seu primeiro disco. «Chegaron moitas caixas ao taller da miña familia. Abrín unha toda loca de contenta e cando vin a portada dixen: 'Joder, non puideron elixir outra foto!'».

­-Que sentes ao escoitar ese disco agora?

-Paréceme un disco superbonito, superfresco. E que non pasou nada de moda. A verdade é que pasaron máis de moda outros que fixen despois. De feito, aínda hai cancións dese disco que non podo sacar do repertorio dos meus concertos.

­-Vinte anos non é nada, dicía Gardel.

-Ás veces si tes a sensación de que rápido pasou o tempo. Pero, jo, 20 anos dan para moito. Para moitísimas cousas boas. E, por sorte, só para algunhas malas.

­-Hai algo que bote de menos daquela Susana Seivane de 1999?

-De verdade que non. Sigo mantendo intacta aquela ilusión por todo os meus proxectos e a paixón pola miña profesión.

­-Que mudou nestes vinte anos en Susana Seivane como artista?

-Collín moitísimas táboas. Porque eu era moi tímida. E mira que levaba tocando desde os 3 anos! Pero presentarme soa dábame moita vertixe. Hoxe xa non.

­-Que mudou na súa música?

-Evolucionou moito. O de agora é un son moito máis moderno, máis cañeiro, cunha instrumentación non tan tradicional e con moitas chiscadelas a outros estilos de música.

­-E que mudou na escena do folk ou da música tradicional galega?

-Hai 20 anos foi o bum do folk en Galicia. Naquel bum apuntouse moita xente ao carro porque semellaba que valía todo. Moita daquela xente non perdurou, non pasou o filtro da crise. Pero iso propiciou que no mundo da música tradicional galega hoxe haxa unha calidade e unha profesionalidade asombrosa. E ademais en moitas vertentes diferentes. Talento hai a mazo. O que faltan son as oportunidades.

­-No 1999 apareceu o teu disco e o primeiro tamén de Cristina Pato. Por que cre que en 20 anos non xurdiu ningunha outra gaiteira solista de primeira liña?

-Sinceramente, non o sei. Porque hoxe en día hai moitísimas gaiteiras. E boísimas. Aí están Magoya Bodega, de Treixadura, ou Lorena Freijeiro. Pero é certo que non saen como solistas. Non sei... Ao mellor é que non lles dá a gana. Non son tempos fáciles para poñerse a emprender grandes proxectos.

­-Pandeireteiras si que saen...

-Ai, iso si. E paréceme estupendo. Todo o que sexa ir por aí adiante e amosar a nosa riquísima cultura é positivo.

­-Máis alá da música, un dos elementos que ten chamado moito a atención é a túa imaxe. Ata que punto a estética foi ou é importante na túa carreira?

-Iso foi algo nin pensado nin estudado. Foi algo natural e lóxico. Lóxico porque se eu estou facendo, aínda que sexa coa gaita, música contemporánea non pinta nada saír co traxe tradicional. Que podería, eh? É unha cuestión de coherencia. Pero si que penso que a estética é importante para un artista. Coidala é tamén unha mostra de respecto á profesión.

­-Como será ese concerto especial de 20 aniversario no Garufa?

-Pouco che podo contar. Cando te invitan a un cumpreanos non che din que vai pasar. Iso si, haberá moitas sorpresas.

RIBADEO AUDITORIO VENRES, 21.00 11 EUROS

A CORUÑA GARUFA XOVES 21, 21.00 11 EUROS

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Susana Seivane: «Talento hai, pero faltan oportunidades»