Sabela: «Os comezos sempre se recordan»

A «triunfita» inicia a etapa posterior ao concurso cunha xira e cos «soños grandes» de poder ter un espectáculo cunha banda sinfónica ou poñer música a unha serie


Un mes despois de rematar cuarta en Operación Triunfo, a galega Sabela Ramil Rivera (25 anos) non para. Este sábado firma discos en A Coruña. 

-Pasou un mes desde a final de «OT». Como se atopa agora?

-Moi ben, a verdade. Aínda estou a facerme á idea de que esta será a miña vida a curto e medio prazo. Estou intentando organizarme para non deixar de ter unha rutina, xa que agora mesmo é complicado. Pero o certo é que esta etapa de incerteza tamén ten o seu encanto, porque os comezos sempre se recordan.

-Cunha longa xira por diante, cales son as súas expectativas?

-Non adoito ter máis expectativas que as de gozar e facer gozar. Son unha namorada dos directos, así que me sinto moi afortunada de poder vivir esa experiencia.

-É aínda pronto, pero está a construír algo a nivel máis persoal?

-É pronto, pero, como dicimos por aquí, a cabeza non para [ri]. Estou centrada en buscar persoas coas que traballar, en compoñer e en pensar aspectos que non quero que falten no meu proxecto futuro.

-Que sensacións lle quedaron de participar na gala de Eurovisión?

-Moi boas. Fíxome ilusión que me desen un tema e estou moi agradecida. Hoy soñaré non era dun estilo que eu adoite cantar, pero saír da chamada zona de confort sempre che reporta algo positivo. Ademais, creo que a mensaxe de soñar é moi necesaria nos tempos que corren.

-E que lle parece a canción que finalmente representará a España?

-Tiña varias favoritas, a verdade, pero La venda paréceme xenial. Con Muxarega [grupo de folk no que comezou] percorremos moitos festivais de Galicia e, en moitos deles, coincidimos con La Pegatina [autores do tema eurovisivo]. É un grupo que forma parte da cultura dos festivais, da música para brincar, e á vez reivindica e fala de temas importantes.

-Vemos moita actividade nas súas redes sociais. En que ocupa o seu tempo libre?

-Pois tempo libre teño pouco [ri], pero cando podo escapo a correr ou a dar paseos a pé de praia. Aínda teño pendente unha saída en bici e outra polo monte que non puiden organizar.

-Como leva a conversión nun personaxe público?

-En xeral lévoo ben, porque non perdo a perspectiva de quen son e do que quero facer. As cousas iranse asentando pouco a pouco.

-Cal é a meta que marca?

-Metas hai moitas, máis grandes e máis pequenas. Polo momento a única meta é poder compoñer temas con calidade dos que me sinta orgullosa. Nun futuro gustaríame poda xirar por onde o mundo me leve e compartir esa música coas persoas que forman parte dela. Pero, se falamos de soños grandes que teño na cabeza en canto á miña carreira, diríache poder facer un espectáculo cunha orquestra sinfónica ou poñerlle música a unha serie.

Firmas de discos. vigo (hoxe, 17 a 19). A coruña (mañá, 11 a 13).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Sabela: «Os comezos sempre se recordan»