Eles cociñan o gusto pola lingua

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Esta é unha historia doce que medrou de Galicia a Nova York. Parella dende hai 13 anos, Diana e David acaban de volver da lúa de mel cun «fillo» no bandullo, un libro de receitas que amosa como a cociña en galego se fai querer en todo o mundo

30 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son Diana e David, parella e equipo, larpeiros e ben amigos de pan e filloas. «Vivan as filloas!», di el. Hai xa un tempo que triunfan na Rede con Cociñando con bolboretas no bandullo, que primeiro foi blog e, dende hai un par de semanas, é tamén libro.

Tras 13 anos de mozos, aínda sentides bolboretas no bandullo? «Si», asente ela con sentido do amor. «No 2013 estabamos rematando a carreira e comezamos co blog. Tiñamos moitas ganas de facer algunha achega á lingua. Dende a paixón de Diana, que é a experta en gastronomía, botamos a andar isto e collémoslle o gusto...», comeza David, que defende dende a cociña, man a man con Diana, o compromiso coa lingua e a cultura do país. Esta parella coa que comparto café e muffin prepara e comparte co mundo, nunha rede que abrangue cada vez máis territorio derrubando fronteiras, pratos como ravioli de cabaciña, porco agridoce ou, xa que se achega o Nadal, turrón de leite condensado e Conguitos.

Doce? Si, é que o xermolo desta historia é o amor.

O XERMOLO

«A nosa historia de amor comeza o 14 de maio do 2005, e ata hoxe!», conta Diana. «Eramos dous adolescentes malos estudantes que cambiaron ao coñecerse. Dicíannolo os profesores que tiñamos, que o noso era de película. Cambiamos os dous radicalmente. Pasamos de suspender unha chea delas a sacar notas óptimas. E hoxe somos profesores os dous, e ata agora o camiño xuntos foi idílico», expresa David. «Coñecémonos con 15 anos, cando na vida todo son soños. A nós o que nos caracteriza é que queremos seguir mantendo esa ilusión», completa. «Segundo se van cumprindo soños, hai que ir cociñando outros», receita Diana.

Pódelos ver en YouTube, en Instagram ou recorrer ao paso a paso algunhas das receitas do seu fillo-libro, editado no selo Xerais, e que saíu do forno directo ao escaparate para os máis larpeiros cando acababan de chegar da súa lúa de mel, que os levou a Nova York, Las Vegas, o Gran Canón e a Riviera Maya. Por que Bolboretas no bandullo? «Bolboreta é unha das palabras máis fermosas, e as bolboretas no bandullo denotan ese estado de namoramento. Na nosa gastronomía tamén hai algo de bolboreteo á hora de cociñar. E hai un verso especial de Rosalía Fernández Rial, que encarna iso tan ben...: ‘Non quero vivir sen voar, quero bolboretas no bandullo’».

A propia Rosalía Fernández Rial compartiu no blog destes dous bolboreteiros de Viveiro felizmente residentes na Coruña unha receita, tostas de pan de Carballo con paté mariño muxián. Bolboretas ten unha sección na que distintos famosos con denominación de orixe, que van de Lois Pérez a Pedro Feijoo ou Vero Boquete, comparten receitas ou se someten, docemente, a un terceiro grao. Ledicia Costas comparte, por exemplo, unhas «madalenas modernas de Ferrero Rocher» que teñen un toque fantástico na redacción e unha pinta que deixaría birollo a un larpeiro de pro!

A eles quedoulles como un baleiro na boca do estómago o desexo de cociñar (ou bolboretear) con Agustín Fernández Paz, que, din, foi quen teceu cos seus libros os fíos da súa vida xuntos.

«Para nós, o blog é máis ca receitas. Queriamos máis, chegar á literatura, á cultura do país, á música... Dende que temos a sección ‘Bolboreteando con...’ medramos moito», aprecia Diana. «A gastronomía é un elemento vivo co que establecer conexións. A literatura é para nós o axente principal; por un lado, como filólogos, e por outro, porque tamén buscamos esa reconciliación entre a sociedade e a poesía, que é tan necesaria», achega David.

Ten a cociña o seu punto poético de cocción? «Si. Cociñar é moi poético, é abrirte a novos mundos, descubrir novos sabores, recordar como era e a qué sabía a nosa infancia. Todos temos unha madalena de Proust», asegura Diana, que di que para eles é importante «xogar, xogar cos alimentos».

A ela a man xeitosa para a cociña vénlle da avoa. E da nai. Diana ponlle ao legado o toque actual: «Na casa nótase moito cando cociña miña nai e cando cociño eu, pero moitas veces cociñamos xuntas». E todos os bandullos ben felices...

TODO EN GALEGO

O ano pasado, David e Diana fixeron varios obradoiros nos coles. O contacto cos peques é, para eles, «xenial». «Cos pequenos pasámolo en grande, aprendemos moitísimo deles», admite David. O gusto por cociñar en galego que distingue a este par de Bolboretas atopou na Rede unha ventá única. Hoxe é case inconcibible comunicarse sen redes como Instagram ou Twitter, din. «Aí está a xente», afirman. «O poder da imaxe é moi grande, e esas son aplicacións que todos temos hoxe no móbil. É moi cómodo».

O seu blog recibe visitas dos Estados Unidos ou do norte de Europa, «e é o que nos chama a atención. E demostra que, cando hai vontade, a lingua non é un impedimento». A cociña é un idioma universal, pero pensar que o galego pode chegar a puntos do mundo tan dispares ten unha lectura interesante... «Si, porque ademais a pregunta do millón que nos fan sempre é ‘Por que en galego?’. E para nós non hai pregunta, non hai dúbida. O galego é a nosa lingua de sempre, cociñamos nela, non saberiamos noutra», din estes bolboreteiros que aspiran a que lles pase unha receita Luís Tosar.