Dez libros que axudarán a non esquecer este verán

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

Asoma xa o tempo que posibilita máis horas de lectura e talvez cunha vontade máis evasiva. Velaquí dez variados títulos de voces propias e outras traducidas que van desde as novelas de fronteira ou de terror, pasando polos «thrillers» máis trepidantes ata historias cheas de tenrura ou fantásticas distopías

11 jun 2018 . Actualizado a las 17:26 h.

Dez títulos. Afortunadamente poderían ser moitos, moitos máis, e mesmo outras suxestións encadradas noutros xéneros as que tamén lle acaerían a estas datas como as que ofrece a poesía, con excelentes propostas que veñen aparecendo estes últimos meses, ou traballos ensaísticos que len como unha novela.

Con todo, velaquí dez libros de narrativa moi actuais, algúns recentísimos como o de Pedro Feijoo, para todo tipo de público, para todo tipo de gustos. E xa que comezamos con Pedro Feijoo, que abandeira unha proposta distinta das que xa lle coñeciamos cunha sorte de road movie vertixinosa e radical, conviría salientar que tamén entre nós a novela negra, que conta con grandes voces como as de Diego Ameixeiras ou Miguel Anxo Fernández, aumenta o abano de posibilidades con estreas narrativas como son as do Lito Vila, profesor radicado en Alemaña que nos sitúa en Campus Morte nunha Compostela que xa foi; ou Beto Luaces, que agarima o xénero nunha proposta itinerante e, ao tempo, claramente identitaria que se atesoura en Vicus. Neste ronsel cómpre engadir a obra de Antonio Tizón: un dos autores que abraza con máis convicción o xénero para alargar os seus cada vez máis difusos límites e situarnos, con Un home estraño, diante da Galicia pre-autonómica onde case todo estaba por construír cun asasinato que actúa de faísca para desenvolver unha trama ben anoada.

De sentimentos, de amor, de relacións persoais, de expectativas truncadas e de esperanzas fálasenos en dúas pezas que veñen da man de dúas escritoras: Helena Villar Janeiro subscribe en Amor por catro uns relatos nos que condensa moitas das dimensións que poden encerrar os primeiros amores; pola súa parte, Pilar Ortega, unha voz claramente emerxente, relata en poucas páxinas as tensións que se poden derivar da relación entre unha profesora e unha alumna cando aquela vai máis alá do ámbito estritamente académico.

Mais outras posibilidades peneiran o momento literario galego. Entre elas salienta a figura de Margaret Atwood, de plena actualidade pola magnífica versión televisiva inspirada n´O conto da criada, cunha novela -Oryx e Crake- a cabalo entre a distopía e a sátira. Ao mesmo tempo, tamén podemos gozar en lingua galega da narrativa de Neil Gaiman cunha novela -Coraline- da que é imposible quedar indiferente polo sabio manexo do terror e a fantasía, comparada por algunha crítica, nin máis nin menos, que con Alicia no País das Marabillas.

Para finalizar dous textos de «fronteira» ao que se poden achegar con garantías persoas que gusten da lectura e de todas as idades, novelas unidas polas especiais relacións que agroman entre avós e netas. Refírome á segunda entrega que Jacqueline Kelly fai da súa célebre Calpurnia Tate, e que se converteu nun fenómeno mundial talvez polo estudado deseño duns perfís marcados tanto pola férrea vontade de ir contra as convencións sociais como pola perenne atracción que sente pola ciencia. E non esquezo a proposta que Tove Jansson, unha escritora finlandesa recoñecida pola creación da serie de libros infantís Mumintroll, formula n´O libro do verán na que aborda unha relación inesquecible entre unha avoa e unha neta onde o escenario que as xunta -unha illa case salvaxe- determina as sorpresas cotiás e o fluír da vida. Felices e variadas lecturas!

1. “SEN PIEDADE”. PEDRO FEIJOO. EDITORIAL XERAIS. PÁXINAS 248. PREZO 16 EUROS

Tras acadar nos últimos anos un recoñecido status como unha das voces literarias máis poderosas, Pedro Feijoo ofrece unha novela fronteiriza na que dous protagonistas xuvenís avanzan polos labirintos da vida e, sobre todo, do amor. E fano a través dunha viaxe dura e salvaxe talvez ao fondo de nós mesmos.

2. “PRINCIPIO DE INCERTEZA”. PILAR ORTEGA. EDITORIAL XERAIS. PÁXINAS 248. PREZO 16 EUROS

Galardoada co premio Ánxel Fole de novela, a autora formula nela unha pregunta clave: que límites hai nas relacións que se poden establecer entre unha profesora e unha alumna que vive un grave conflito persoal? Velaquí unha proposta que fala tamén da maternidade, das relacións persoais, do amor e a soidade.

3. “UN HOME ESTRAÑO”. ANTONIO TIZÓN. EDITORIAL XERAIS. PÁXINAS 208. PREZO 17 EUROS. EDITORIAL XERAIS. PÁXINAS 96. PREZO 14,60 EUROS

Tizón é unha voz singular que persegue sempre, abrazando as tramas de novelas negras, abordar o asunto das enfermidades mentais. Aquí, un crime perpetrado contra o arquitecto municipal da Coruña no ano 1980, que terá que resolver o inspector Sánchez Pereiro, desata un carrusel de incógnitas e sorprendentes consecuencias.

4. “CAMPUS MORTE”. LITO VILA. EDITORIAL GALAXIA. PÁXINAS 184. PREZO 16 EUROS

Debut dunha interesante e prometedora voz como é a de Lito Vila, que se move con habilidade incontestable no ámbito da construción dun thriller cunha sólida trama sostida por un profesor galego en Alemaña que volve á cidade de Compostela para esculcar nas razóns da misteriosa morte dunha estudante Erasmus que ocorrera tempo atrás.

5. «AMOR POR CATRO». HELENA VILLAR. EDITORIAL GALAXIA. PÁXINAS 136. PREZO 12,70 EUROS

Helena Villar Janeiro, ese luxo de escritora todoterreo e felizmente incansable, recrea aquí catro historias de amores primeiros: eses que duran ?talvez? toda a vida cando menos no fondo da memoria. Relatos, escritos con mestría, que non dan as costas nin esquivan, por certo, asuntos menos amables como a violencia de xénero.

6. “O CURIOSO MUNDO DE CALPURNIA TATE”. JACQUELINE KELLY. EDITORIAL FACTORÍA K. PÁXINAS 352. PREZO 18 EUROS

En tradución de Carlos Acevedo chega a segunda entrega, tras «A evolución de Calpurnia Tate», desta enxeñosa moza de Texas que vive a cabalo dos séculos XIX e XX, que desafía as convencións sociais do seu tempo e da súa familia e que camiña, imparablemente e facéndose preguntas sobre o seu futuro, cara á adolescencia.

7. «CORALINE». NEIL GAIMAN. EDITORIAL URCO. PÁXINAS 150. PREZO 12,50 EUROS

Neil Gaiman é un coñecido crítico, narrador e autor de banda deseñada inglés. En Coraline, traducida ao galego por Tomás González Ahola, fai confluír acaídas doses de terror con elementos do xénero fantástico. Galardoada en diversas ocasións, foi adaptada ao cine nunha película de animación stop motion dirixida por Henry Selick.

8. “VICUS. UN LUGAR DO COMÚN”. BETO LUACES. EDITORIAL BOLANDA. PÁXINAS 438. PREZO 19 EUROS

Estrea narrativa de Beto Luaces que nos sitúa nunha trama de novela negra a través das vicisitudes de Senén Barreiro, un arquitecto en plena crise persoal. A novela recala en espazos como Vigo, Caracas ?coa figura de Celso E. Ferreiro, algúns dos seus poemas e a realidade da emigración galega ao fondo? e mais a serra do Suído.

9. “O LIBRO DO VERÁN”. TOVE JANSSON. EDITORIAL SUSHI BOOKS. PÁXINAS 156. PREZO 14 EUROS

A autora finesa Tove Jannson, en tradución de M. Barcia, relata a historia duns veráns senlleiros, onde a vida se percibe distinta grazas ás vivencias dunha avoa e unha neta chamada Sophia, que tecen aos poucos unha relación singular. Todo iso nunha perdida e agreste illa de Finlandia onde a natureza cobra categoría de protagonista.

10. “ORYX E CRAKE”. MARGARET ATWOOD. EDITORIAL RINOCERONTE. PÁXINAS 432. PREZO 22,50 EUROS

Primeira parte dunha triloxía de Atwood, célebre autora da desacougante distopía «O conto da criada». Oryx e Crake chega en tradución de Estela Villar e volve tripar estes camiños, conxugándoos cunha enxeñosa e efectiva visión satírica e crítica, coa hiper-tecnificación e a creación de animais transxénicos como pano de fondo.