Outra lección maxistral

FUGAS

cedida

Guadi Galego publica hoxe un epé co que pecha etapa e triloxía. Nós xa lle botamos unha ollada á súa «Bola de cristal». A artista confirma que non vai volver á pandeireta. Hoxe actúa ás 21.00  no Teatro Jofre de Ferrol

04 may 2018 . Actualizado a las 17:09 h.

Anunciaba a cantante de Cedeira hai unhas semanas nestas mesmas páxinas a súa intención de darse un respiro, parar un tempo, repensar o seu traballo e buscar un novo son. Antes, iso si, quería dar saída a estas cinco cancións «que me quedaban dentro», di, estreitamente vencelladas aos seus dous discos anteriores, Lúas e O tempo está parado.

Bola de cristal pecha unha triloxía que ten ao paso do tempo como fundamental referente argumental. «Tempo que pasa e non para, sen pedir consentemento», canta en Fronteiras, o tema que serviu de adianto deste traballo. E, se cadra, un dos que mellor define o actual quefacer musical de Guadi Galego. Un aparente sosego da paso ao desbordamento das emocións, acompasadas por unha moi presente e rotunda percusión sobre a que se impón a serea dulzura dunha cantante con maiúsculas.

Hai nas cinco cancións que conforman Bola de cristal unha premeditada ausencia de uniformidade. Como se Guadi Galego quixese deixar patente a cantidade de rexistros que é capaz de abarcar antes de, seguramente, asumir un novo. Cancións como Recoñecéndome devólvenos, entre adornos de acordeón e feituras que lembran a súa conexión co folk, á unha Guadi envolta nunha melancolía case existencial. Para despois rebelarse soñadora e empoderada en Coidar de min. «Quero despertar unha mañá intentando decidir por min, foron anos duros e eu resistía só pra sobrevivir», canta a de Cedeira.

Poder brillar é a manifestación máis palpable de ata onde pode chegar a xenialidade desta compositora e cantora. Un alarde de delicadeza, cheo de precisos e preciosos detalles de guitarra e violín sobre unha base que por momentos semella achegarse aos ritmos sincopados do trip hop. Outra porta aberta?

Na canción que dá título ao disco Guadi volve deixar que o peso se sustente nunha moi presente percusión e xoga a ser case indie. Unha delicia pop de moitos quilates que en tres minutos bebe de fontes armónicas moi diversas para crear melodías infalibles.

«Estou construíndo unha bola de cristal para adiviñar cal é o final», canta Guadi nese tema. Pero o que realmente está a buscar é un principio. De momento non solta prenda. «Vou parar e despois farei outro disco pero non teño nin idea de que disco vou facer. Sei que quero cambiar o meu son, que me leve a algo distinto», dime cunha sinceridade imposible de cuestionar. «Seguirá sendo música de autora», puntualiza. «O que non vou é volver á pandeireta».