«Furtivos», o seu primeiro disco en solitario, demostra que nese peito hai moita máis historia da que cabe en Heredeiros da Crus. É o tempo de Maneiro.
24 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Un home é u n home e un gato é un bicho. Como todo o mundo sabe, Javi Maneiro é o cantante de Heredeiros da Crus. Pero tamén moito máis. O noso home quita as lupas de sol para asinar Furtivos, un disco en solitario poderoso e melancólico. Pasaron os días de Javi. Chega o tempo de Maneiro
-Cando un fai un disco en solitario é porque lle peta. Este é o disco que verdadeiramente querías facer?
-Esa é a idea. Meter distancia co personaxe que todo o mundo coñece e sentirme a gusto cos meus pensamentos e coa miña forma de ver a vida. A banda é bestial. Manu, Kuervo, Poni, Iago Lorenzo, Sito Manchester... Son tres guitarras en directo. Brutal.
-Todos os temas son teus?
-O mesmo que na época de Jabón.
-De feito, «Furtivos» semella un paso máis na dirección que marcaba Jabón Blue, lonxe da liña Heredeiros.
-Aquel primeiro disco de Jabón Blue... Date conta de que pasei de compoñer en galego, que é a lingua que falo e na que sempre escribín, a aprender a expresarme en castelán. E iso leva o seu traballo de adaptación. Ao principio tiña que facer traducións, pero agora podo escribir en castelán tan ben coma en galego.
-O disco enteiro está escrito e cantado en castelán. Por que? O galego é unha barreira na música de caña?
-Non, non. Non foi por nada diso. Eu quero seguir facendo rocanrol, pero tamén arriscar. Xa teño o meu grupo de rock en galego, que máis vías podía coller? Ben, pois esta, o castelán. Foi a proposta máis arriscada, porque estou convencido de que cun disco en galego tocaría moito máis. Facer coma o meu pai cando foi á mercante e tivo que aprender inglés. Buscar novos territorios, outra chispa no corpo. Polo demais, sigo mantendo que en Madrid debería entenderse o galego moito mellor có inglés.
-Neste traballo hai tralla, pero tamén baladas e medios tempos.
-Nos concertos gústame que haxa mal tempo e calma chicha, coma no mar, para non cansar. Remover os sentimentos con caña e tamén chegar á sensibilidade da xente.
-As letras van por aí. Un Maneiro distinto, logo.
-Quero mostrar o Maneiro menos coñecido, que é o máis real nestes momentos. Máis reflexivo, máis íntimo. Xa non teño 18 anos para que todo sexa marcha e rocanrol. Ás veces apetece parar, calmar e mirar ao redor.
-Polo que vexo estás plenamente centrado neste proxecto. Que hai dos demais? Seguen Heredeiros?
-Estou centrado ao cento por cento. Non hai marcha atrás nin pedras no camiño. Tentarei compaxinalo mentres sexa posible, pero non teño ningún tipo de atadura. Terei que centrarme no que me gusta de verdade, arriscar de verdade. Se non o fago agora, con dous collóns... Xa non soporto que se me valore polo pasado, que foi e é moi bonito, senón polo que eu son.
-Así que xa vas quitando os lentes.
-Vai por aí. Empezar a perder o medo a ser eu e amosarme coma son.
-Que música escoita este Maneiro?
-Moitas cousas, pero sigo namorado de Yosi e de Rosendo. Estes dous e as súas letras chéganme á alma.
Hoxe, 22.30. Sala Sónar Santiago. ENTRADAS 12 EUROS
Mañá, 22.30. Feira Ecolóxica de ArzúA. ENTRADA libre