¿Un libro de poesía? Non, é un poema en forma de libro

Ramón Nicolás

FUGAS

PACO RODRÍGUEZ

A escritora Luz Pichel sinala no limiar de «Vestir a noite» de Olalla Cociña, libro galardoado na XIV edición do premio de poesía Afundación, que este é, para ela, «un poema en si mesmo».

10 nov 2017 . Actualizado a las 10:35 h.

En efecto, os poemas dispóñense na súa organicidade particular mais, en conxunto, suxírese e formúlase unha lectura cunha filiación secuencial narrativa que apunta ao relato dunha viaxe. Ao abeiro deste esquema itinerante agroma unha sorte de cartografía aberta e conscientemente imprecisa para que a percorramos libremente e este camiño carrexa, como feliz consecuencia, unha invitación para recalarmos en territorios diversos que beben sempre da memoria e da experiencia.

Espazos que van desde aqueles que se perciben como tanxibles e recoñecibles ata os que esculcan o porqué das cousas: ese porqué abeirado ou apegado tantas veces ao telúrico, aos obxectos e cousas revestidas doutra dimensión semántica.

Todo por xunto é quen de configurar, con sutileza e inequívoca elegancia expresiva, tanto unha realidade ética e socialmente devastada, non sei se recuperable, como esoutro motivo que navega nos «sucos fondos» do tempo, nese «almanaque desfollado» que exhibe a pegada do que xa non volve.

Os corpos, a pel, os ollos, as árbores, a casa, os papeis que serven para debuxar topónimos... bosquexan unha construción e unha reconstrución que é a da identidade propia. Axudan asemade a deseñar un universo imaxinístico onde o pouso melancólico outorga un ton singular alleo aos posibles excesos porque a poesía de Olalla Cociña é todo menos excesiva: talvez sexa unha lírica ideada para ser lida en voz alta pois teño para min que é aí é cando se desvelan e perciben mellor as claves dun discurso estilizado, rotundo e contido, que aparca a retórica á mantenta para ofrecer só a esencia, o celme.

Unha alquimia, por certo, que vai de man cunha arquitectura coidadísima onde elementos como son as dicotomías contraditorias -dalgún xeito un espello do que somos- e a alteridade de voces poéticas que posibilitan certo distanciamento con aquilo que se recrea, constitúen trazos particulares que dan forma a este memorial poético que axuda a arroupar a escuridade para cando sexa preciso, para cando cumpra interrogarnos sobre o que temos e o que deixamos.