Rosalía interminable

Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

03 nov 2017 . Actualizado a las 05:10 h.

A vida pasa e Rosalía tende ao infinito. A través do prisma feminista, nos últimos anos, imos advertindo dimensións latentes tanto na súa figura como na súa obra, que se abren periodicamente a novas interpretacións máis alá do estereotipo sentimental e folclórico que a acompañou durante décadas. E seguirá sendo así nun futuro próximo, se cadra con maior empeño por parte dos numerosos especialistas na súa traxectoria. Sobre a Rosalía de hoxe proxéctanse afervoados debates e controversias que exceden o seu legado literario, de aí esta aplicación interpretativa que a envolve como se resultase imposible abranguela na súa totalidade. Ocórrelle a quen se adianta aos tempos. «Los hombres miran a las literatas peor que mirarían al diablo», escribiu en Carta a Eduarda, alá por 1865. A poeta que se negaba a «cantar as pombas e as frores», menosprezada polos seus contemporáneos, viviu nun contexto social e literario que a marxinou decote pola súa condición feminina, cando o curso simbólico que adulteraría posteriormente a súa figura fixaba xa os primeiros sinais de distorsión. Sabemos que coa súa morte se desencadeou un proceso mistificador que chega aos nosos días, pero aínda máis que padeceu un illamento lindeiro coa violencia. Lembra María Xosé Queizán dando no albo: «Rosalía, como Antígona, avanza nunha inmensa soidade ética». Ninguén dubida xa desas enormidades. Por iso a tola á que tanto ouveaban «os lobos da terra» tende ao infinito.