«Ten que xurdir alguén que dea a nota»

FUGAS

cedida

Talabarte vén de presentar o seu segundo disco, «Fake»

07 abr 2017 . Actualizado a las 06:00 h.

Naceron entre a tolería e o capricho. Daquela Quim Farinha, Pedro Pascual e Kin García andaban metidos en proxectos de enxundia. Léase Berrogüetto, Marful e outros de similar calado. Talabarte era unha escusa para viaxar, para explorar outros ritmos, outras músicas e outras culturas, para bailar e fantasear. Até que chegou a crise e mandou parar. E mira ti por onde o capricho e a tolería convertéronse nunha gratificante primeira opción. Talabarte veñen de presentar o seu segundo disco, Fake, con ritmos que van dende as polskas de Tierra del Norte até milongas de Tierra de Fuego e cunha suxestiva idea conceptual que parte de poñerlle música a algunhas das grandes mentiras da historia.

-Canto hai de verdade neste disco?

-Todo excepto o título. A Talabarte sempre lle gustaron as viaxes intemporais e lendas como a do monstro do Lago Ness, que Colón era galego ou que Hitler se refuxiou en Samos sérvennos para viaxar a nosa maneira polos ritmos tradicionais.

-Como se explican esas historias sen recorrer á letra?

-Niso tamén hai algo de xogo. Hai cancións nas que primeiro escollemos a lenda e despois pensamos que música lle encaixaría. E noutras sucedeu ao revés, buscamos a lenda que se axustara a sonoridade que tiñamos.

-Nalgún momento plantexáronse incorporar letra e voz a Talabarte?

-Si, neste disco pensamos gravar un tema con voz pero non atopamos á cantante ou ao cantante que nos encaixara ao cen por cen.

-Non o desbotan de cara ao futuro.

-Nin si nin non. Se xorde será dun xeito natural. E se non xorde non pasa nada. Se non hai letra non hai que entender máis que o que escoitas. Iso, en certa medida, pode ser unha vantaxe.

-Que é iso do «tradincerto»?

-É esa fusión tan presente na música de Talabarte entre a tradición e o que non sabemos se é tradición ou non, como por exemplo a improvisación.

-Nestes tempos incertos, cal é o estado de saúde do folk galego?

-Está claro que non é o dos 90. Entón houbo unha eclosión moi grande como resultado de que xurdiron proxectos musicais moi renovadores e de que había moito apoio nos medios. Hoxe semella que non hai moito interese polo folk. Aí temos as festas do verán, nas que case todos os cartos son para orquestras. E todo isto está potenciado polos medios e polo poder. Na televisión autonómica existen varios programas dedicados ás verbenas pero non hai ningún que promocione as nosas músicas.

-É unha situación reversible?

-Non o teño moi claro. Estas cousas adoitan ser cíclicas. O que ten é que xurdir algo que de repente dea a nota.

HOY, 20.30. TEATRO PRINCIPAL. SANTIAGO. ENTRADAS 11,60 EUROS