Rosalía, poesía ilustrada

FUGAS

17 feb 2017 . Actualizado a las 13:11 h.

No ano 2011 a editorial compostelá El Patito puxo en marcha o proxecto de crear unha coidada colección que tivese como finalidade engrandecer a poesía completa de Rosalía de Castro engalanándoa con ilustracións realizadas ex profeso por senlleiros artistas galegos. A recente publicación do quinto volume da serie, En las orillas del Sar, ilustrado polo pintor vilagarcián Xurxo Alonso, supuxo o remate da colección.

Para conmemoralo a editorial artellou unha exposición na que se amosa unha escolma das obras coas que se ilustraron estes cinco libros. Na mostra, que ata o 28 de febreiro pode verse na galería Sargadelos de Santiago, cólganse varios dos orixinais que Fausto Isorna (na foto) creou para ilustrar La Flor / A mi madre, os de Pepe Barro para Cantares Gallegos, de Álvaro de la Vega para Follas Novas, de Manolo Figueira para Poesía Variada e de Xurxo Alonso para En las orillas del Sar. Obra sobre papel, cartón, tea ou creacións de deseño gráfico en moi diversas técnicas, estilos e formatos conviven e harmonízanse en torno aos versos e a poética que conforman o moi particular universo de Rosalía.