«Teño saudade do caldo e mais do licor café»

FUGAS

O Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré celebra a Narf cun cartel que inclúe a Paulo Flores, Katya Teixeira, Celina da Piedade, Juan Perro, Guadi Galego e Manecas Costa

13 ene 2017 . Actualizado a las 11:58 h.

É a gran festa da lusofonía. E este ano cun sentimento engadido: celebrar a Narf, un dos grandes impulsores do achegamento a este tipo de sons e culturas. O cartel desta edición confórmano o angoleño Paulo Flores, a brasileira Katya Teixeira, a portuguesa Celina da Piedade, Juan Perro, Guadi Galego e o guineano Manecas Costa, quen no 2009 firmara xunto a Narf aquel inesquecible Aló Irmão.

-Como recibiu a perda de Narf?

-Narf foi unha persoa que mereceu toda a miña admiración e respecto e coa que gravei un disco que para min ficará sempre na historia da música mundial. Na miña última conversa con el falamos de facer novas cancións para gravar un segundo Aló Irmão e mira... É unha perda enorme para Galicia e para a música en xeral porque Narf tiña moito para dar.

-Soará algunha canción de «Aló Aló Irmão» en Pontevedra?

-Si, vou lembrar con saudade moitas cousas bonitas que nós fixemos. Vai ser unha sensación emotiva mais con algún sufrimento tamén.

-Que supón para a lusofonía un festival como Cantos na Maré?

-Só polo feito de podernos comunicar, cantar e compartir as nosas músicas é xa unha victoria enorme. Este tipo de festivais fan que os nosos países fiquen moito máis próximos.

-Fan máis que a política?

-Moito máis. A cultura é a que xunta aos pobos de verdade. Por iso penso que un festival como Cantos na Maré debería artellar un sistema rotativo que o levara un ano a Galicia, outro a Mozambique, Guinea Bissau, Cabo Verde, Angola, Brasil... E alí mostrar as nosas músicas, as nosas literaturas, as nosas gastronomías... Falar abertamente da arte lusófona.

-Que está pasando na música africana que tantos músicos importantes están poñendo alí os seus ollos?

-África sempre foi a nai da música. Sempre tivemos moito para mostrar. Proporcionamos materiais e instrumentos para crear fusións co jazz, co rock, coa electrónica. Coido que a música africana ten todo aquilo que hoxe o mundo precisa.

-Pode a liberdade chegarlle a moitos africanos a través da música?

-Claro que si. A min chegoume. Eu tamén fun inmigrante. Nós xa falabamos diso nunha canción de Aló Irmão que se titula Inmigração. Os inmigrantes que se xogan a vida para cruzar a Europa chegan sen diñeiro e sen papeis pero todos teñen a música. E a música fai que se sintan máis aliviados. Non traen nada pero teñen a amizade e unha convivencia pura. E a través da música poden alimentar as suas almas. Eu pido aos pobos que aprendan a convivir con eles. Porque hoxe no mundo quen non comparte, perde.

-Leva cinco anos sen vir a Galicia, ¿que agarda desta visita?

-Eu teño saudade do caldo galego, do licor café e, sobre todo, de abrazar aos meus amigos cos que establecín unha irmandade que fai que Galicia sexa para min unha segunda casa.

MAÑÁ, 21.00. PAZO DA CULTURA DE PONTEVEDRA ENTRADAS ESGOTADAS