A cita en Zas chega aos 33 con máis actividades paralelas, máis vertente medioambiental e intentando non perder o sentimento unido a «eeeei carballeiraaaa» e «lumeee!», eses berros ancestrais que consideran himnos oficiais. Nesta edición priman as bandas do país para un festival que se compara a Ibiza, pero en enxebre e a ritmo folk
05 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Nun período sensible coas queimas, en Zas, no espazo natural aos pés do monte Castro, berrarase insistentemente «lume!» para a carballeira do Velar durante toda a fin de semana, onde está asegurada a festa case ininterrompida na zona de acampada, un espazo que uns xa comparan con Morouzos, e que converte este recuncho da Costa da Morte nun referente nos festivais folkies. A asociación Castro-Meda, entidade que logrou que o festival chegue á 33.ª edición, sacou unhas estritas normas de comportamento para unha cita que defende a foliada como modo de expresión total e ás que convén botar unha ollada para botar unhas risas. O resumo vén sendo manual clásico de calquera festeiro patrio: liberdade no vestiario por eses arranques que nos dan de lazos fraternais cos vikingos, posibilidades gastronómicas e para calmar a sede -que as noites de luar sempre dan- a fartar e obriga de participar nun festival no que, avisan, os vellos (agora terceira idade), non están de atrezzo enxebre, senón que tamén veñen á festa.
Nesta edición, máis sostible en canto ao sistema de consumicións, impulsando un vaso ecolóxico, e tamén en canto ao medio ambiente ao retirarse varios eucaliptos da carballeira, un espazo que é privado, priman os grupos galegos, deixando a representación foránea a cargo só dos madrileños Mägo de Oz, os escoceses Skerryvore e os finlandeses Steve’n Seagulls, a banda que xera máis expectación mediática.
Mägo de Oz e Ruxe Ruxe
A Festa da Carballeira, que contou con moitas actividades paralelas previas, vive hoxe o arranque musical coas actuacións de O Ghusto do Boi, que chega co seu proxecto O Ghusto Contraavaca!, ritmos tradicionais para un repertorio de diferentes formacións referentes da música galega; a sempre vitalista Banda Crebinsky, o barroquismo do folk metal de Mägo de Oz e o rock de Ruxe Ruxe, que está de xira de celebración do seu vixésimo aniversario sobre os escenarios.
Luar na Lubre e Steve’n Seagulls
Para quen logre revivir para o sábado está previsto que ao mediodía abra o mercado de artesanía e, a unha, haxa unha mexilloada de balde, porque xa se sabe que os espazos naturais abren o apetito. Porque é unha cita para todas as idades, tamén hai unha zona infantil. O arranque musical da xornada poñerao a orquestra Os Modernos na sesión vermú, que non podería faltar, e xa pola tarde de novo O Ghusto do Boi e o polifacético Cé orquestra pantasma darán paso, sobre as seis e media, a unha foliada na carballeira, con grupos na contorna xa confirmados, pero onde se admiten espontáneos. Isto preparará o ambiente para a sesión nocturna, que se prevé longa.
Será a partir das nove e media cando se suban ao escenario os percusionistas de Pelepau, e tras eles o grupo Luar na Lubre, que repiten na Carballeira e veñen celebrar as súas tres décadas na música. Tamén actuarán os finlandeses Steve’n Seagulls, unha singular formación que se deu a coñecer ao facer versións de grupos metal caracterizados de granxeiros ao estilo grassroots norteamericano. A súa participación logrouse tras impulsar a Meda-Castro unha campaña viral para conseguir que a súa xira tivese unha parada na Festa da Carballeira, onde mañá tamén actuarán os escoceses Skerryvore, que se ten como a banda máis prometedora de Escocia, e Andrés Penabad, multipremiado acordeonista que porá a bailar o anfiteatro natural cos temas do seu segundo disco. O domingo déixase libre para recuperar folgos.
Zas. Venres 5. 22 horas. 10 euros. Sábado 6. 21.30 horas. 8 euros (menores de 14 anos e maiores de 60, de balde)