O máis grande vólvese íntimo

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Milladoiro e Susana Seivane serán a gran aposta galaica dunha nova edición do festival con máis tirón, que non esquece apostar polos novos ritmos folkies e que desta inaugura outro tipo de escenarios

15 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os roncos das gaitas levan soando dende onte en Ortigueira, un festival que volverá a vivir de novo, durante esta fin de semana, a dicotomía entre a música da Alameda e o mundo paralelo xunto a praia de Morouzos e que se segue comparando con Woodstock, pero este sumando 32 edicións as súas costas, co apóstrofe de celta e cunha estética con máis saias a cadros.

Como novidade, este ano súmase un escenario máis ao da Alameda, o teatro da Beneficencia, o que permite un concepto máis intimista para un festival que presume de alcanzar cifras récord de visitantes. Estreará este novo formato hoxe a formación ferrolá Alén de Ancos (20 h.) trala que esta noite, e xa no escenario principal, se subirán a mítica formación da Escola de Gaitas de Ortigueira, o taconeo rítmico de Dominic Graham School of Irish Dance, os escoceses The Peatbog Fairies, que veñen de xira de 25.º aniversario, e, de novo, Alén de Ancos, cunha proposta máis maximalista.

Mañá, a danza refúxase no teatro pola tarde, para deixar o escenario xunto ao mar para os bretóns de Bagad Bro Deger, a gaiteira Susana Seivane que se acompañará con máis de 70 artistas no seu proxecto Interxeracional, os irlandeses Fullset e os galos Doolin. Supoñen a proposta máis nova para un estilo que segue concitado hordas de seareiros defensores da música en directo e das celebracións comunitarias como máxima expresión dunha celebración.

O domingo, tralo desfile das Bandas das Nacións Celtas, un espectáculo que sempre logra atraer seguidores pola súa vistosidade, o broche final correrá a cargo de Milladoiro. A eles, cunha traxectoria inigualable e aos que o resto de bandas patria recoñecen como referentes e impulsores do folk nestas latitudes, reservouse a honra de ser os protagonistas do primeiro traballo que edita o festival.

Deuvedé

O teatro é o lugar escollido tamén para a presentación dun cedé/deuvedé que recolle a actuación que deu o grupo, que ten participado en diferentes edicións do certame, no ano 2014 xunto con algunhas rarezas e documentos históricos.

Xa pola noite, a proposta é que a Banda de Gaitas de Xerabal preceda no escenario a Milladoiro ao que relevará como colofón o grupo escocés Mànran, unha formación curtida en festivais internacionais e abandeirada do novo folk-rock.

Ese é un programa musical que sendo as citas obrigadas de Ortigueira, non deixa de ser un apunte máis dunha programación que este ano tamén dará a posibilidade de asistir a distintos obradoiros, escoitar numerosos grupos na rúa, visitar varias exposicións, recorrer a feira de artesanía, contar con zona de acampada gratuíta e confraternizar con centos de viaxeiros de distintas procedencia para os este festival continúa tendo un carácter diferenciador e é unha cita obrigada.

ORTIGUEIRA. Alameda. Venres 15. 22.30 horas. De balde