Anne Marie Morris: centenario


Está por facer o estudo que sitúe e valore axeitadamente a poesía desta profesora estadounidense no mapa da poesía galega de Posguerra. En 1964, a editorial Galaxia publicou o seu poemario Voz fuxitiva cun esclarecedor limiar de Ernesto Guerra da Cal, que foi, con Xosé Rubia Barcia, outro exiliado galego nos Estados Unidos, o mentor da poeta no seu primeiro achegamento á lingua e á poesía galegas. Naceu a singular escritora en Evanston (Illinois) o 30 de maio de 1916 e faleceu en Gresham (Oregón) o 3 de outubro de 1999 aos oitenta e tres anos de idade.

Non hai, entre os poetas alófonos en lingua galega (Lorca, Carles Riba, Pérez Creus...), unha voz tan auténtica e tan intimamente implicada na lingua escolleita. Na súa biografía literaria, esta profesora políglota que sabía ben cinco linguas románicas, só fixo poesía en lingua galega. Aprendeu o galego nos libros de Rosalía, sobre a que fixo a súa tese de doutoramento, pero nunca conversara en galego ata o 24 de febreiro de 1993, o día en que eu a chamei por teléfono á súa casa para convidala a participar, na Universidade de Santiago, no I Congreso de Poetas alófonos en lingua galega. Veu, en abril dese ano, acompañada da súa filla e do seu xenro, e chorou de emoción, en Padrón, na Casa de Rosalía, cando Xoán Rubia cantou Meu amor, poema da ilustre visitante musicado polo propio Xoán Rubia. Aínda que se trata de casualidades, cómpre sinalar que esta excelsa rosaliófila conversou en galego por primeira vez un 24 de febreiro, ou sexa, o día en que, no ano 1837, naceu Rosaía de Castro, e cómpre tamén salientar que esta singular poeta naceu, nos Estados Unidos, en maio de 1916, ou sexa, o mes e o ano no que naceron, na Coruña, as Irmandades da Fala.

Ninguén, coma ela, se achegou cunha actitude tan mística á Fala. Soñaba en galego e nun deses soños «escribiu» estes versos «Á lingua galega»: «marmurio, / movimento de prata, / o vento errante / zoa no luar. / voz fuxitiva / nun río perdido / chorando / camiño do mar». Nunca fixo poesía en inglés, a súa lingua, e case se pode afirmar que, como poeta, a súa lingua autófona era o galego. Declarou nunha ocasión: «Eu non escollín o galego; moito ó contrario, foi o galego que me escolleu a min». Foi a nosa poeta alófona filoloxicamente máis auténtica. Cómpre reler Voz fuxitiva, de 1964, unha voz moi orixinal na poesía galega dos sesenta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Anne Marie Morris: centenario