Non perder

FUGAS

03 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O fundamento de toda cultura reside en non extraviar o legado do pretérito, enraizarse (no senso lato da palabra) e saber estender os novos agromos cara a horizontes amplos, vizosos e fértiles. Iso é o que intenta José Rodríguez Cruz en Contos e lendas arraianos, unha colección preciosa. E digo preciosa en todos os sentidos. Porque vén editada da man de Xerais, o que en si mesmo xa resulta unha garantía editorial, e porque dá conta de Nós e do noso. A min tócame e rabúñame de preto este libro arraiano. Durante un tempo coordinei nas terras de Monterrei un seminario para recoller lendas, historias, misterios que foron facéndose verdade co paso dos anos. Aquel traballo deu un volume que repousa aínda nun caixón, probablemente por preguiza de quen escribe estas liñas ou por outras correntes da vida, que ten moitas; titulábase, ou titúlase, Contos e lendas do val de Monterrei. Aquel era un traballo mínimo en comparación con este de Rodríguez Cruz, que co paso dos anos está descubrindo e descubríndonos, incansable, laborioso, xuntando as pezas deste puzzle qué é o sur e oriente de Galicia. Prologado polo profesor Navaza Blanco, un dos últimos sabios deste país de cultura liofilizada polos malos tempos, o libro paga a pena ler e ter. Para mirar e sentir. Digo, sentírmonos. Tal como somos, galegos.

Unha sensación similar, por análogo, víveme lendo o premio Blanco Amor de 2015, Os Kowa, de Xavier Queipo. Creo que se trata dunha procura incesante do propio sitio. Unha búsqueda existencial interior que temos lido en moitas ocasións en autores magnos, de Melville a Conrad, do impar Stevenson ás prosas indagadoras dos mestres rusos. De Europa ao Amazonas, os trazos desta novela son de pincel fino. E non podía ser doutro xeito sendo Queipo o seu autor, a quen en numerosas ocasións temos citado neste Club Dandi que, con humildade, vai escribindo tamén a crónica da literatura galega cunha perspectiva subxectiva, individual e profundamente hedonista. E por hedónica, en ocasións evasiva, agrádame moito a última de Queipo. Como me agradan os poemas recitados. Ese hábito que tampouco podemos permitírmonos extraviar. Recitar poesía nestes tempos convulsos, e irreflexivos, creo que importa máis que escribila. Hai demasiados versos escritos, aínda que nunca serán suficientes. É preciso facerse escoitar, poetas. Alto e claro. Con ousadía. Para non perder. Para non perdérmonos, simplemente.