«Só gravamos o 20 % do que compoñemos»

C. Pereiro

FUGAS

«Para unha vez que saímos» é o agardado cuarto traballo da Familia Caamagno, cinco cancións que beben das raíces máis básicas do rock 'n' roll e demostran o gran potencial dunha banda que está en total ebulición

28 mar 2016 . Actualizado a las 20:33 h.

Desde Sigüeiro para o mundo, a Familia Caamagno figura como un dos referentes musicais autóctonos. Abondaron catro anos para que os seus cinco compoñentes puxeran patas arriba o termo rock 'n' roll, e para que o seu nome figure na contundente maioría dos festivais e salas do país. Un furacán de melodías bailables que presenta agora o seu cuarto traballo. Para unha vez que saímos resume toda a filosofía de vida que os Caamagno representan: ritmo, garaxeo e bo facer. Lano, baixista do conxunto, fala do gran momento que viven.

-Ao final, se nos poñemos serios, xa levan saíndo catro anos, e saíndo ben.

-Pois si. Non sei como o ve a xente desde fóra pero nós cremos estar no noso mellor momento. Estas últimas cancións son mellores ca as anteriores, e, á marxe diso, non é só un bo momento compositivo. Tamén o é na forma de tocar, de dar concertos. Nunca estivéramos a este nivel.

-Veñen de case encher a sala Capitol de Compostela. ¿Son a proba real de que a música independente galega pode triunfar?

-Nunca metéramos tanta xente coma esta última vez, é certo. Todo vén dado, creo eu, por moito esforzo. Falo de horas para compoñer, para ensaiar... Estamos nun momento no que combinamos o noso traballo real con este traballo B, que poderíamos definir como un pasatempo que temos. Puxemos toda a carne no asador. O que vén sendo o traballo da banda tomámolo da maneira máis profesional posible. Non deixamos practicamente nada ao azar, o mínimo posible. O repertorio vai traballado, o concerto en si está moi estruturado, témolo moi pensado. Logo poderá saír peor ou mellor, pero está calculado.

-A profesionalización sempre é un grao.

-Claro, e que é así, é ter un plan. A nos sáennos moitos bolos en Santiago pero preferimos agardar e organizarnos, ver se cadra ben outro máis adiante... Non queremos queimar ao noso público. Ao mellor a curto prazo é peor, pero a largo prazo, que é o que miramos, será positivo.

-Na xira de presentación xa saíron fóra de Galicia, ¿é un obxectivo conquistar outras terras?

-Non, non é tanto iso. Gústanos simplemente probar fóra. Aquí tocamos moitísimo, en todas as cidades; en cambio fóra é coma unha especie de mercado por explotar no que aínda non conseguimos entrar. É unha aposta. Aquí témolo todo un pouco máis peiteado, pero saír por Portugal, por España adiante, é algo un pouco máis inexplorado e queremos coñecelo.

-Seguen apostando polo EP como formato, neste último con cinco cancións. ¿É algo autoimposto ou obrigado por outros factores, como o económico?

-Digamos que hai tres motivos para isto. Primeiramente, que nos custa bastante compoñer; logo, que non todo o que facemos nos vale. Aproximadamente só gravamos o vinte por cento do que compoñemos... igual a cifra aínda e menor. Temos uns estándares de calidade cos que queremos que a canción sexa redonda e estar todos convencidos. Finalmente, si, os cartos. Este tipo de gravación que facemos, nun estudio analóxico, vale bastantes cartos e certamente nós queremos soar ben. Tamén che digo, se o álbum foi o formato básico durante as últimas décadas, onde había catorce cancións e tres ou catro boas, hoxe non hai un formato definido, depende de ti. ¿Gustaríanos facer un álbum? Si, hai ganas, pero non sabemos o que nos custará.

-Volveron confiar en Jorge Muñoz-Cobo, de Dr. Explosión, para gravar e producir o álbum, ¿contentos co resultado?

-Mellor incluso que no anterior, porque agora exerceu unha produción maior e confiamos verdadeiramente nel. Iso é algo fundamental para traballar con alguén nun disco.