O teatro de hoxe

FUGAS

22 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando a Samuel Beckett, o gran dramaturgo do Teatro do Absurdo, lle preguntaban que sabía sobre o destino do home, el rosmaba displicente: «Podería dicir máis cousas sobre os rabanetes». Porque el tiña o convencemento profundo de que non existía nada máis confuso, superfluo, absurdo e inexplicable que a propia existencia de cada un. Tan seguro estaba disto que encontraba moitas máis luces na comicidade de Buster Keaton que nos saberes filosóficos de Platón, Aristóteles, Descartes, Montesquieu, Kant ou Sartre. De feito, o teatro de Sartre e o de Beckett eran totalmente contrarios. O do filósofo francés era existencial e sempre propoñía accións e compromisos, mentres que o de Beckett era cualificado de «absurdo» porque, conforme á súa crenza, cada ser humano sabe moi ben a onde se dirixe e non ten maneira de evitalo.

É curioso que o teatro de hoxe parece fuxir por igual dos enfoques de ambos os dous autores. Proscritos os argumentos ideolóxicos de antano, nos que adoitabamos afundirnos, agora corre polos escenarios unha brisa de humor que o desdramatiza todo e que nos libera de amarguezas e angurias. Eu laméntoo porque boto de falla aos clásicos modernos como dieta cultural á que xa estaba acostumado. Pero os tempos cambiaron e hoxe dominan os efectos especiais e a polifonía de acompañamento. É un vento novo que, ao meu ver, chegou para quedar. De xeito que xa se fala dunha forma clásica e dunha forma nova de facer unha montaxe teatral.

¿E os novos autores? Por aí andan, moitas veces perdidos nos propios grupos teatrais facendo adaptacións ou reformulacións. Porque o teatro en xeral atravesa agora unha etapa de auxe. Se nos fixamos só en Madrid, podemos ver que hai arestora máis de cen obras en cartel. E entre elas é posible atopar pezas de Quevedo, Lope de Vega, Shakespeare, Victor Hugo, Muñoz Seca, García Lorca, Jean Genet ou Mario Benedetti. Pero a maior parte son novas creacións que conxugan elementos de actualidade e que, con frecuencia, teñen unha acusada vertente crítico-humorística. Cabería dicir, pois, que se abriu o abano e que hai ofertas para todas as demandas. Pero o que máis sorprende é que esa oferta enorme atope un público tan receptivo. É unha boa nova para o teatro? e para min, que en calquera momento poderei ver enfrontados de volta a Beckett e a Sartre.