Crea, espreme a linguaxe, procura o sen alento. Abre novas vías de coñecemento e outras formas, vitais, intuitivas, de ler poesía. A autora do «Pouso do fume» e «Cronoloxía da urxencia», entregada hoxe á edición e á formación nas aulas, ten dous novos proxectos que agarda acometer en breve. Dores Tembrás, perseguidora de palabras, non dubida: «Quero producir o silencio na escrita»
08 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Os recoñecementos son como pan do día para a poeta e editora Dores Tembrás (Bergondiño, A Coruña, 1979). Controladora e absoluta na entrega á creación, ela sentiu que tiña que parar tras a escrita da Cronoloxía da urxencia. Premio de Poesía do Concello de Carral, é esta unha obra con estrutura de serra na que Tembrás descobre a esencia do desexo en feminino. Tras este «proceso obsesivo» no que someteu a escrutinio cada palabra, era preciso coller aire. Mais respirar non semella unha función básica para quen procura o sen alento. Móvea unha obsesión: ¿cantas palabras son necesarias para que o poético se produza?
Busca respostas nas aulas e fai libros en Apiario, factoría entregada ás obras que soña, «as que teñen que existir». «Síntome moi agradecida -di cando se lle pregunta polos premios-. Moi agradecida». Non empregaría dúas veces a mesma expresión se non fose necesario. «As palabras son sagradas», afirma. Escoitemos.
-Dores Tembrás escribe sobre o que non di.
-Quizais sobre o que non se di. É a tensión coa linguaxe a que mantén ao poeta en vilo. Traballar nese gume, na senda do que non se pode dicir, é un desafío. Magnético.
-Dicir o que non se pode dicir é mesmo unha contradición.
-O silencio é pura potencia en poesía. Pero o silencio non como ausencia de palabra, senón como presenza de silencio. Eu quero producir o silencio na escrita.
-Semella difícil...
-Foi algo que aprendín cando fixen a tese [sobre Alejandra Pizarnik]. Pizarnik é unha das autoras que producen con éxito o silencio. Hai distintas maneiras de facelo. Unha pode ser cando remata a lectura dun texto. Cando traballo cos meus alumnos, digo «¿que perseguimos? Producir o sen alento. Iso». Despois conséguese ou non no poema, pero dende logo téñoo como luz.
-¿Sabe se o consegue?
-O autor sempre sabe o que consegue no texto. Non sempre de modo inmediato. Ás veces tes que deixalo repousar e volver a el para saber se esa faísca que intuíches se conserva, para ver se o sen alento se produce.
-Todos os poetas son nenos, di.
-¡Si! Porque son capaces de poñer a linguaxe do revés con total naturalidade. Non o perseguen, é algo natural... ata que se perde. Nalgún momento o fío se corta. Nótoo porque traballo con nenos de distintas idades. Non é mesmo unha nena de 11 que un rapaz de 14. Hai un momento no que esa vía de experimentación coa linguaxe se penaliza. Ou, máis que iso, deixa de alentarse.
-¿Descoida o sistema educativo potenciar o talento ou as calidades artísticas?
-A arte é algo que non se asocia ao prestixio. O que se cotiza é a ciencia pura. Está en alza un enxeñeiro, alguén que fai informática, Camiños... Pero non hai interese en que se asocie a arte co prestixio.
-¿Por que?
-Pode supoñer unha transformación a nivel profundo. Nun traballo artístico estás continuamente cuestionando. Como artista buscas o cambio, se non estás morto. Hai un proceso de desacomodación permanente. Pero é o que move o mundo. O que nos ten en procura permanente. Está na condición do artista ser inconforme permanentemente.
-¿Cal é o papel do artista na sociedade?
-¡Ten tantos papeis...! Os artistas son os que van dez, vinte anos por diante. Eles amosan que non todo transcorre pola autoestrada asfaltada.
-¿É crear camiñar polo lado salvaxe?
-... E ver a onde te leva. Podes non chegar a ningures. Podes chegar a un deserto. Podes chegar a un oasis.
-¿Son as palabras importantes en si mesmas ou están ao servizo da mensaxe?
-As palabras son sagradas. Di Octavio Paz: «Somos as nosas palabras». Cando lle pides a alguén que escolla unha palabra, é definitivo.
-¿Como descubrimos a verdade das nosas palabras, que ás veces menten?
-Procurando. Eu persigo e persigo. Sen imposturas. Se algo podo dar son as miñas palabras. Un tarda tempo en atopalas. O resultado dese proceso de procura é a obra.