O Grand Palais de Paris amosa desde o pasado 7 de outubro -e ata o 29 de febreiro- unha ambiciosa exposición titulada Picasso.manía, que explora o influxo do gran pintor español (que viviu entre os 9 e os 13 anos na Coruña) sobre a arte contemporánea posterior. É dicir, cen obras de Picasso fronte a case trescentos lenzos de 75 artistas que recibiron e recoñeceron o seu poderoso influxo na súa propia creación. Un diálogo que abarca toda a segunda metade do século XX, só con certa promediación de Marcel Duchamp.
Non é o meu propósito falar aquí da pintura de Picasso, senón da actitude artística do pintor, que influiu tanto como a súa propia obra. Esa actitude de home que busca e anova incesantemente, sen poder parar. El mesmo o deixou dito nalgunhas ocasións: «Cando din que son demasiado vello para facer unha cousa, procuro facela axiña». Ou: «Sempre estou facendo cousas que non sei facer, de xeito que teño que aprender como facelo». E sobre todo cando reflexiona: «Vin que xa estaba todo feito. Era necesario rachar para facer a propia revolución e volver empezar de cero. Obrigueime a ir cara ao novo movemento. O problema é como pasar, como evitar o obxecto e darlle unha expresión plástica ao resultado... Todo isto é a miña loita por romper co aspecto bidimiensional».
En fronte del, pictoricamente case que de xeonllos, aparecen obras de Andy Warhol, Roy Lichtenstein, David Hockney, Jean-Michel Basquiat, Maurizio Cattelan, etcétera, e as efusivas «declaracións de amor» de Jeff Koons, Frank Gehry, Agnès Varda, John Baldessari, Miquel Barceló. E tamén as prodixiosas reinterpretacións que outros creadores fixeron do Guernica e de As señoritas de Avignon. Setenta e cinco artistas compartindo con Picasso a idea de que «todo o que non ten un obxectivo por alcanzar, un resultado por conquistar, un enigma por resolver, un misterio por penetrar, non me interesa».
A exposición que lle dedicou este ano A Coruña a Picasso debería ser o punto de partida dunha recuperación que terminase por ofrecer nesta cidade unha mostra permanente do autor. Non en van A Coruña é unha das cinco cidades picassianas por excelencia (unha das cinco cidades onde viviu). As outras catro -Málaga, Barcelona, París e Antibes- xa teñen museos con obra súa. A Coruña non debía desbotar nunca esta lexítima ambición.