Acongrarse

Luís G. Tosar
Luís González Tosar RETRATO ENTRE LIÑAS

FUGAS

14 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo, non moi afastado, no que a nosas xentes labregas, ao iren debecendo as forzas físicas, prevían a velleza mediante unha renda de subsistencia que lles garantizaba o esencial: millo, centeo, patacas, leña... Por suposto, seguían a traballar. As mulleres tendo conta dos rapaces, amasando e cocendo broa, fiando e tecendo, lavando roupa, atendendo todo de portas adentro, criando a ceba pró ano, mantendo a vaca pra comeren o leitiño, tres ou catro galiñas, eixido e horta, terreos e porrais... Os homes, traspasadas as angueiras da labranza -arada, sementeira e ceifas, roza de toxos, arrinca do estrume, o traballo máis duro-, dedicábanse a «enredar»: facer cestos, botarlle os paus aos zocos, ir ao muíño, mangar unha eixada... Mentres gozaban saúde, nin elas nin iles, non paraban. Os herdeiros, determinadas as partillas en vida polos patrós da casa, recibían o goberno da terra pero quedaban obrigados á congra, cóngrua ou cóngroa. Con tal palabra, medio morta nas súas variantes, coma tantas, nomeábase a  renda -en especie, nunca en cartos- que aseguraba a supervivencia dos maiores. Non é a miña intención afondar eiquí neste feito antropolóxico -aí está o magnífico traballo de Carmelo Lisón Tolosana, aínda non superado- pero si buscarlle semellanzas noutro reino, mellor república, a da literatura propia. Asistimos hogano, como sempre pasou, a unha evidente confluencia interxeracional. A nosa creatividade literaria agrupa autoras e autores vedraios que seguen publicando, poñamos por caso Luz Pozo Garza e Xosé Neira Vilas, encomiables pola ansia e a paixón, algúns veteranos de mérito que, ao seu paso, seguen a soerguer o universo das letras patrias, Xosé Fernández Ferreiro e Manuel Álvarez Torneiro, novelista e poeta activos -Xohana Torres, pola contra, semella persistir no silencio dunha palabra maior e conmovedora- e logo pódense engadir escritores e escritoras de quintas dispares. Certo que  hai singularidades, de excepcional relevo, que non teñen dado ao prelo nos últimos anos obra de ficción (Xosé Luis Méndez Ferrín) pero, de por parte, hainos que aportan pezas de altura e talento (Arcadio López-Casanova, As voces da máscara). Escadasí, sen pretender levar a eito este repaso, o panorama literario onda nós medra e pula co ímpeto das xeraciós mozas. Como ten que ser. Cousa distinta évos a calidade e a habelencia no idioma (sobresae Bieito Iglesias). Por iso, de momento, non cómpre acongrarse.