No seu Discurso encol do idioma galego, pronunciado en 1952 na Galería Velázquez de Buenos Aires, Francisco Luis Bernárdez compara a lingua galega cunha «fonte que se confunde coa do noso sangue». Sempre me pareceu acaída a comparanza de quen tiña a honra ser «arxentino polo nacemento, mais galego polo propio sangue» e que comezou a escribir aos 19 anos, en galego e a partir de Rosalía, de Curros e, sobre todo, da fala dos seus, en Bouzas, O Lago, Maside.
Logo incorporaría eiquí, do 20 ao 24, a modalidade dos de Nós; Risco, Otero Pedrayo, Castelao e Cabanillas. E tamén a de Euxenio Montes e as avangardas, nas que bebeu, mormente Amado Carballo e Manuel Antonio. De por parte, o porteño, moi posto na nosa lirica medieval, laica e relixiosa ?aí están os seus traballos?, foi neotrovadorista ?«Riba d´Avia, Riba d´Avia»? aínda que non figure como tal en ningures. Desde Buenos Aires, nos 40 e 50, afondou en todo o alá aparecido. Na súa biblioteca están Lorenzo Varela, Pita, Blanco-Amor, Dieste, Seoane, Neira Vilas, Elsa Fernández e moitos, moitísimos máis. Antes de se incorporar como agregado cultural da Embaixada da República Arxentina en Madrid, setembro de 1955, desde Vigo, onde desembarca, vai a Ourense a visitar a Otero Pedrayo, quen o pon ao tanto da resistencia cultural e política.
Durante os seus cinco anos na delegación diplomática viaxa a Galicia, a cada pouco, e colabora abertamente coa causa galeguista, actitude que lle crea problemas co réxime de Franco. Neste período incorpora as chamadas «normas de Galaxia» á súa escrita.
Bernárdez, figura cimeira da xeración que elevou as letras arxentinas á máxima categoría ( Borges, Girondo, González Lanuza, Marechal, Mallea, Victoria Ocampo ?só por citar algúns dos de Florida?), poeta imprescindible de Iberoamérica, cultivou a nosa ?súa? lingua ata o falecemento (1978). Calquera que se adentre un chisco na súa obra en galego ?excluída ata agora das historias da literatura? comprobará como il foi luíndo, ao longo de case oito décadas, a ferramenta que forxara de neno na zafra da aldea ourensá. Paco Luis foi considerado ?tamén Seoane? en círculos intelectuais porteños moi selectos, onde outros galegos ?poñamos por caso Blanco-Amor ou Dieste? non acadaron o espazo pretendido. Mañá, sábado 18, ás 18 horas, na Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño), abrirémoslle, a caneiro cheo, aos pichos da Fonte das Sete Palabras. Que cada quen veña por súas sete. Estades convidados.