Los Suaves: «Hai que morrer dignamente»

FUGAS

Charly, o baixista, asegura que o siguen tendo todo

24 jul 2015 . Actualizado a las 05:20 h.

Malpica é a terceira escala galega dentro da derradeira xira de Los Suaves. 

Que sensacións está dando esta xira final?

Estamos soando coma nos mellores tempos. O apoio da xente é marabilloso. En Barcelona cantaruxaban ata a sintonía. Logo de tocar en Portugal, en Faro, nunha concentración de 30.000 moteiros, alguén dixo que Los Suaves son potentes e distintos. Creo que é unha boa definición. Non é rock urbano, porque ningunha banda de rock urbano ten este tratamento de guitarras, nin heavy, nin aínda que os textos te cheguen á alma tampouco son poesía de cantautor. Témolo todo. Repertorio. Un cantante carismático. Guitarristas que te cagas. Un batería que arrasa. E sobre todo uns seguidores fantásticos, moitos deles amigos.

Tampouco está mal o baixista.

Claro, un baixista atractivo que é o que levanta as tías [Risas].

A xira, con todo, non ten unha duración determinada, ¿non?

Non, pero tampouco estamos collendo datas máis aló do 2016.  Hai que saber morrer con dignidade en todos os sentidos. Cando escoito esas historias de que Keith Richards caeu dun cocoteiro... Non, amigo, caíches polas escaleiras coma un vello calquera, pero ninguén se molesta en contrastalo. ACDC non poden traizoar ao seu irmán... Yosi ten controlada a enfermidade, pero os anos pasan para todos. Cando está ben entrégase totalmente.

E queda aí un enorme legado

Son 35 anos. Hai pandillas con xente de Zaragoza, de Barcelona, de Sevilla, que se fixeron a base de concertos de Los Suaves. Aínda teño o telón que fixemos no 81 para o concerto con Ramones e custara 18.000 pesetas. Portáronse moi ben, foron decentes, deixáronnos o equipo sen poñer trabas, sen trapalladas. Iso é ser un home, unha persoa. Nós sempre procuramos facelo, axudar a xente que sae. Polo demais, unha presa de boas cancións; o segundo riff de guitarra que os rapaces aprenden logo de Smoke On The Water é o de Dolores; as camisetas que ves son de gatos, aguias ou linguas. ¿Podes pedir máis?