De re bibliographica

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

No presente ano escribín un libro, relativamente groso, sobre Filgueira Valverde e publiquei, en revistas, xornais e colectáneas varias un número non moi escaso de artigos, ademais de pronunciar, en tribunas académicas e outras, bastantes conferencias. Só para idear e redactar o volume Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual (Xerais, 1915) debruceime sobre as súas páxinas éditas (unha meda de saber) e consultei, nos arquivos do Museo de Pontevedra, tan ricos como xenerosos, non poucos escritos inéditos. 

Tiven en conta, loxicamente, a minuciosa bibliografía que elaborou a arquiveira María Jesús Fortes Alén (1996) e o volume colectivo sobre o polígrafo pontevedrés editado no ano 2007 co título Xosé Filgueira Valverde, no que colaboraron, entre outros, Xosé R. Barreiro Fernández, Mercedes Brea, Fernández del Riego, José García-Velasco, José M. Pita Andrade, Xosé C. Valle Pérez, X. Alonso Montero e Carlos Villanueva. Esta colectánea é de indispensable consulta.

Pois ben, dentro da bibliografía pasiva, existe un volume, de 1996, que, ata onde sei, non foi citado polos estudosos do presente ano. Téñase en conta que se trata dun volume non venal, editado por Hércules Edicións, e do que algúns dos máis atentos estudosos non tiñan noticia. Titulado Primeiro Nadal sen Filgueira, publicouse a fins de 1996, dous meses despois do pasamento do gran polígrafo. Contén, ademais do prólogo do director de Hércules Edicións, Francisco Rodríguez Iglesias, senllos artigos de Xosé R. Barreiro Fernández (Historiador de Galicia), Xosé M. González Reboredo (O home e o erudito) e Domingo García-Sabell (A miña figuración). Tres excelentes incursións na biobibliografía de Filgueira.

Non tardará en pertencer ao universo dos libros raros o volume que acaba de publicar o Centro de Estudos Galegos na Universidade de San Petersburgo. Trátase dunha antoloxía, preparada e prologada por Xesús Ferro Ruibal, un dos nosos máximos filgueirólogos. No volume só os textos en verso (Seis canciones de mar in modo antico) se ofrecen en edición bilingüe (galego-ruso). Estamos ante o volume XX da Antoloxía da literatura galega que coordina, nesta prestixiosa universidade rusa, a profesora Elena Zernova.