Acción

FUGAS

Adoito a defender a calidade da prosa por riba dos contidos e demais diéxeses. Incluso prefiro os preciosismos barrocos que o poder ficcional, o concupiscente fumareu da imaxinación, a trabe de ouro do imposible pero verosímil. Declárome paladín da frase perfecta antes que deudor de tramas, personaxes e avatares. Porén, agrádame aprezar o valor da acción, ou sexa, o verbo. E así sei divertirme, gozar, esquecerme de min entre os fíos dalgunhas novelas concisas e argumentalmente poderosas. Leo unha novela de aparencia xuvenil, polo que a editorial sinala na contracapa, e adéntrome nun mundo para min pechado. Pechado e polo que sinto unha especial atracción: o grafiti. Antes lin El francotirador paciente, de Arturo Pérez Reverte. E saín dela peor do que entrei: decepcionado. Por iso cando abrín as primeiras páxinas de Reo, de Xesús Fraga, sentinme asolado polos prexuízos. Non obstante fun quen de vencelos a medida que o narrador relataba as historias, ou a historia, de Reo, o protagonista que dá título ao volume. Aprendín o que tece e destece a tea de araña desta arte urbana (a min paréceme esta a terminoloxía máis axeitada) ao tempo que avanzaba en mundos mellor trazados que os descritos por Reverte. Os grafiteiros escriben, bombardean, esculpen a súa vida intramuros da cidade. Reo é un deles. Tamén o seu antagonista, co que se establece unha relación estimulante para o lector. Novela rápida, veloz, que envolve dende o principio a quen se adentra nela: «Chámome Reo (...) Un ninguén, vamos». Aceno consciente ou incosnciente á reinvención do Balbino de Neira Vilas pero en contexto actual e, obviamente, urbano. Tamén artístico. Novela absolutamente recomendable.

Como tamén Hai que matalos a todos de Héctor Carré. Trepidante, plena de aconteceres novidosos, irónica e sarcástica, e polo tanto contemporánea. Novela plena de loas ao periodismo máis salvaxe  e real, á curiosidade impertinante (descúlpenme a translación cervantina). Novela de diálogos que trazan os caracteres dos actantes e cun personaxe, Toni Capelán, que se eleva de seu por riba do resto. Agradará esta novela a quen pretenda evadirse e pasar horas, páxina por páxina, trasladado a un thriller diferente: narrado dende un pluriperspectivismo tecnicamente impecable. Deixo a primeira quincena deste xuño, pois, con dúas novelas seductoras e declárome, por unha vez, afecto desta novelística: acción, sobre todo.