Borges na Biblioteca Universal

FUGAS

15 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor Jorge Luis Borges sosteu ata a súa morte en 1986 que un dos seus soños máis queridos -ben seguro que o maior- era ter unha biblioteca que albergase todos os libros do mundo, algo que se lle figuraba simplemente irrealizable. Mais, só tiveron que pasar dúas décadas para que o soño fose posible. De feito, cabe dicir que case todos os libros están xa dixitalizados (por Google Books e outras institucións), aínda que estean pendentes de resolver problemas relativos aos dereitos de propiedade intelectual ou copyright. O que é tanto como dicir que a realización do soño imposible de Borges é sinxelamente inevitable.

A realidade virtual estalou ante os nosos ollos e trastornou os límites das nosas vellas paisaxes conceptuais, arrasando prexuízos, fielatos e toda clase de fronteiras. Xurdiu así unha realidade nova que -como aquelas plantas que medraban ata ocupar todo un domicilio nun drama de Eugène Ionesco- semella querer enchelo todo tamén no noso caso, ata arrecantar, asfixiar ou facernos sentir minguada a realidade que tiñamos por real. ¿É así? Se cadra chegou o momento de redefinir o espazo e o sentido do real e preguntarse: ¿acaso non será unha parte da nosa realidade real esa xigantesca biblioteca virtual -con todos os libros coñecidos- que xa concibimos nas nosas mentes sen a menor dificultade?

Dicía Borges que, de todos os instrumentos dos que dispoñía o ser humano, o máis asombroso era, sen dúbida, o libro. Os demáis só eran extensións do seu corpo. O microscopio e o telescopio son extensións da vista; o teléfono é extensión da voz; o arado e a espada, extensións do brazo. «Pero o libro -sostiña con énfase- é outra cousa: o libro é unha extensión da memoria e da imaxinación». Nada menos. Porque, como el mesmo aseguraba, «un chega a ser grande polo que le e non polo que escribe».

Nun texto titulado A Biblioteca de Babel, o propio Borges chegou a facer unha descripción física do labirinto multihexagonal que albergaría todos os libros, e, como habitante del, confesou ter peregrinado desde a súa xuventude á súa vellice de cego sempre en busca dun libro ou dun catálogo. Asombra que unha imaxinación tan poderosa como a súa non fose capaz de imaxinar a simpleza da dixitalización que estaba chegar. Non podo imaxinar con que palabras expresaría Borges hoxe o seu asombro.