Maghúa opta por unha estética de impacto no seu segundo traballo, «Matria», co que reivindican o papel da mulleres bravas, a riqueza das recollidas en Ourense e mesmo a súa versión feminina
06 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Davide Leira (A Coruña, 1975) conforma xunto a Xiao Mogín e Tito Iglesias o trío ao que quedou reducido Maghúa, un grupo de cantareiros que veñen de sacar o disco Matria.
-Hai diferenzas con Corricán, o anterior.
-Son tradicionais os dous. No primeiro disco reivindicamos a figura do home dentro do que era o canto tradicional, e neste a figura das nosas avoas, as nosas maiores, porque aínda sendo viúvas de vivos, porque moitas veces os homes estaban en América ou no mar, mantiveron o idioma, a tradición, as facendas, as familias e sen ter ningún dos dereitos que tiñan os homes e sen perderen a cordura. Somos o que somos grazas ao que son as mulleres. No anterior non entraran pezas de Ourense e neste quixemos recoñecer a provincia sen mar.
-Dicíao polo coruño do inicio e do final.
-Xurxo Souto, que xa colaborou no primeiro disco, di que é interesante contar historias e se no primeiro disco vai un mariñeiro cambiando o dial da radio, neste decidimos homenaxear as avoas, o coruño e o rock bravú, porque gravamos o disco no 2014, ano bravú, o dos 20 anos do nacemento deste movemento.
-Neste disco preséntanse as maghúas femininas.
-Hai dous anos ampliamos a asociación, que antes era o grupo de cantareiros, a grupo de cantareiras, grupo de música e de baile. E como consideración ao traballo que levan facendo estas mulleres da asociación decidimos que participaran. Están planeando gravar elas e foi un só tema. A voz de muller tamén aparece recollida na peza de Pontella e Limiñoa de Teresa d?Os Cucos. Decidimos en cada disco meter un corte e darlle a oportunidade aos protagonistas que falen coa súa voz. No Corricán fora o corte de Xosé Rama.
-¿Falamos da estética?
-Sempre fuximos do traxe tradicional porque para iso xa hai outro tipo de grupos e parécenos anacrónico vestilo para cantar ou bailar pezas que recuperamos agora de xente que nunca o levou. Desta volta e coma algo anecdótico puxémonos saia de muller e algún outro complemento para as fotos do libreto. E nas actuacións a roupa tamén vai dar que falar.