A piques de cumprirse dous anos do seu falecemento, anda polas librarías El asesino imposible (Dlorean), a única obra póstuma que deixou gardada nun caixón o gran Curtis Garland, figura capital da novela popular española. Na época dourada da literatura de quiosco, ata mediados os 80, era imprescindible agocharse baixo un pseudónimo de sonoridade anglosaxoa, por iso Juan Gallardo Muñoz foi Curtis Garland, pero tamén Donald Curtis e Johnny Garland, outros dos seus apelativos máis recorrentes. En Bruguera, sometido a unhas condicións de traballo perversas, chegou a escribir ata cinco novelas mensuais. Nunha entrevista concedida a El Buque Maldito, pouco antes da súa morte, relataba así a infamia empresarial: «O máis grave era que facían todo o posible para impedir que [os autores] nos coñeceramos entre nós. Supoño que para evitar que pactaramos convenios laborais ou simplemente para impedir que nos puxeramos de acordo para tentar cobrar os dereitos de autor de reedicións ou edicións estranxeiras». A súa lendaria produción cífrase en dous mil títulos entre policial (o seu xénero preferido), western, ciencia ficción, terror, erótico ou aventuras.
En 1966, uns produtores de TVE encargáronlle a Cunqueiro a redacción da voz en off dun documental histórico titulado Galicia, dirixido por malogrado Claudio Guerin. Manexaban case unha hora de montaxe final, pero o texto enviado polo mindoniense apenas alcanzaba para vinte minutos. Nas súas memorias, Yo, Curtis Garland (Morsa, 2009), o autor de El asesino imposible conta que foi chamado de madrugada para estirar a narración nos estudos de TVE, case ao mesmo tempo que o locutor ía engadíndolle voz ás imaxes. O resultado, tras unha frenética noite de traballo, resultou do agrado dos produtores. Curtis, que por entón nunca pisara Galicia, conseguiu escribir de antropoloxía e gastronomía galegas cun estilo que podía imputárselle sen problemas a Cunqueiro. Curioso: o documental mereceu un accésit do Ministerio de Información e Turismo que daquela dirixía Manuel Fraga. Por suposto, o home das dúas mil novelas non aparece nos créditos.