Planificar é prever os problemas e anticipar a súa solución antes de que ocorran. A planificación hidrolóxica ten como obxectivo fundamental acadar o bo estado de todas as masas de auga. É a garantía de que se vai dispoñer de recursos en cantidade e coa calidade suficiente para desenvolver todos os usos relacionados coa auga de forma sostible. A través de procesos de participación cidadá, o Plan Hidrolóxico recolle a sensibilidade dos distintos actores no mundo da auga, nacendo así como un documento de consenso que equilibra as tensións existentes na xestión dos recursos hídricos.
Augas de Galicia está en proceso de revisión do seu Plan Hidrolóxico e ten redactado un borrador do novo que está en fase de consulta pública. Recóllense cuestións de diagnóstico tan importantes para Pontevedra como que o 86% das masas de auga superficiais do Sistema de explotación Lérez e ría de Pontevedra está en bo estado, o que supón a mellora dun 5% con respecto aos datos do plan vixente, ou un programa de medidas para mellorar o estado das restantes.
A Xunta vén de aprobar o decreto de planificación hidrolóxica. Por primeira vez na historia, Galicia contará cun marco normativo homoxéneos. Neste decreto establécense os obxectivos, o contido e o procedemento de elaboración e aprobación do plan hidrolóxico, así como o plan de seca, os plans de xestión de risco de inundacións, o plan xeral galego de abastecemento e o plan xeral galego de saneamento.
O obxectivo non se centra só na planificación, senón tamén na simplificación do procedemento para autorizar a limpeza de ríos, que será posible, para aquelas de menor entidade, cunha declaración responsable realizada con 15 días de antelación, evitándose deste xeito autorizacións que podían chegar a esixir máis de 6 meses de tramitacións.
Dispoñer dunha planificación e de instrumentos para aplicala con axilidade é determinante para realizar unha boa xestión dos recursos hídricos. Desde a Xunta estamos a traballar moi seriamente, xa que entendemos que o bo estado das nosas masas de auga repercute sobre o noso territorio e na calidade de vida das persoas.
chequeo a los ríos