Ducias de mans puxéronse a traballar para confeccionar uns adornos orixinais
24 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Din que o Nadal, e en particular os regalos que a todo o mundo lle gusta facer e recibir nestas datas, fan aflorar o consumismo en todo fillo de veciño. Pero en Rianxo este ano tiveron unha idea para que, cando menos no que respecta á decoración das rúas, non se gastara un peso de máis e, xa de paso, crear conciencia sobre o coidado do medio ambiente. Ducias de mans de rianxeiros estiveron traballando durante semanas -uns tres meses- para crear orixinais adornos con materiais reciclados.
Hai unhas semanas comezaron a aparecer colgados de árbores, das casas dos escritores rianxeiros, nas rúas e mesmo nos bustos dedicados aos ilustres das letras galegas que hai por toda a vila unha serie de pezas que chamaban a atención dos veciños. Pouco a pouco, a iniciativa foi tomando forma ata mostrar unha decoración de Nadal do máis orixinal.
Os tapóns de plástico das botellas convertéronse en guirnaldas multicolor que colgan de árbores e balcóns; as botellas de plástico tamén atoparon unha nova vida adornando a balaustrada do Campo de Arriba, mentres que os colos deses mesmos recipientes levan pegadas tiras de telas de cores dando forma a cintas que decoran as rúas do casco vello; con latas de refrescos deuse forma a estrelas como a que loce na porta do museo de Manuel Antonio; tamén se fixeron pompóns con fíos, e as mans máis expertas teceron bufandas que se enrolaron nos troncos das árbores.
Gran participación
Todo feito á man e todo con materiais de refugallo, que se conseguiu contando coa colaboración da hostalería de do comercio. De feito, a proposta contou cunha gran colaboración, e unha vez na rúa os primeiros adornos, nos últimos días tamén se sumaron a esta proposta tendas da vila que acicalaron os seus escaparates e fachadas con adobíos completamente artesanais e sustentables.
Ademais, a iniciativa Adorna Rianxo -incluso se creou unha comunidade nas redes sociais- serviu tamén como vínculo interxeracional. Non en balde, confeccionaron as pezas tanto cativos da vila como veciñas que xa miran de fronte os 90 anos.