Protestas antifiscais no Barbanza

ANTÓN RODRÍGUEZ GALLARDO

FIRMAS

Nos comezos do século XX foron comúns os levantamentos contra o imposto de consumos

12 dic 2014 . Actualizado a las 16:20 h.

Implantado xunto coa contribución territorial tras a reforma fiscal de 1845, o imposto de consumos gravaba máis de vinte produtos básicos («de comer, beber y arder»), constituíndo a principal fonte de financiamento dos concellos, ao tempo que un gran lastre para as economías das clases populares do abrente do século XX. O medio de recadación utilizado pola maioría dos concellos rurais era o reparto veciñal, sendo a Facenda pública quen asignaba a carga fiscal de cada municipio, e o goberno municipal e os maiores contribuíntes os responsables da súa distribución entre a veciñanza.

A falta de equidade desta distribución -estaba suxeita aos manexos e arbitrariedades dos caciques locais, responsables últimos da asignación do imposto- unida ao feito de gravar artigos de primeira necesidade, de ter que pagar unha cota fixa en vez de proporcional ás compravendas realizadas, e de gravar riqueza que xa gravaba a contribución territorial, déronlle ao imposto de consumos o selo de tributo inxusto. As protestas contra este, pacíficas unhas veces e violentas outras, foron comúns no Barbanza no inicio do século, sobre todo cando os gobernos municipais arrendaron o seu cobro a particulares, presaxio certo dun incremento da presión fiscal.

Conflito en Boiro

Por este preciso motivo, en 1904 estalaba o conflito en Boiro, onde unha concentración de veciños contrarios ao arrendo derivou nun motín que rematou co asalto ao Concello e a agresión das persoas implicadas nas operacións de adxudicación. Uns anos máis tarde, en 1910, Noia foi tamén escenario dun motín contra o arrendatario dos consumos (a prensa fala de 3.000 persoas) despois de que subise as tarifas alegando o elevado costo do arrendo.

Parece ser que o principal desencadenate foi o incremento da tributación pola carne de porco, que chegara case a duplicarse. Dúas persoas mortas e un número considerable de feridos de bala, incluíndo nenos, foi o balance da actuación da garda civil, que ocuparía militarmente Noia durante varios días, nos que a actividade fabril e comercial estivo paralizada e grupos de mulleres impediron o abastecemento da vila.

Aínda que a supresión do imposto de consumos, obxectivo histórico dos sectores máis progresistas da sociedade, entrou en vigor ao ano seguinte destes sucesos tras a súa aprobación polo goberno de José Canalejas (1911), na práctica non desaparecería máis que nalgunhas cidades ao non atopar impostos substitutivos. Deste xeito, a protesta social continuou. En Porto do Son, onde os «consumos» foran fonte continua de conflito -dando orixe a cíclicas protestas, motíns e manifestacións-, a crispación chegaba en 1916, cando a veciñanza se ve obrigada a asumir o pago de arbitrios extraordinarios para facer fronte ao elevado déficit municipal.

A tensión e as protestas irían en aumento ao longo do ano, culminando no ben coñecido episodio de Cans, parroquia de Nebra, onde a resistencia veciñal á execución duns embargos foi contestada cunha brutal actuación das forzas da orde, co resultado de cinco persoas mortas e ducias de feridos.

Estas e outras rebelións populares supuxeron rectificacións por parte das autoridades gobernativas, minorando cargas fiscais, substituíndo funcionarios corruptos e mesmo cambiando gobernos. O detestado imposto de consumos, antecedente do IVE, iría perdendo vixencia ata desaparecer definitivamente superada a metade do século XX.

Gravado alegórico das revoltas que se estenderon por toda a comarca