«Agora teño menos tempo para min que cando traballaba para fóra»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

SANDRA ALONSO

As dúas falaron onte do seu novo estilo de vida tras deixar a vida laboral

11 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuela Barbeito e Josefina del Río son dúas xubiladas de Santiago que asisten como alumnas ás Aulas da Terceira Idade (Ategal). Onte falaron no centro social Abanca dos novos estilos de vida ao deixar o mundo laboral, como responder ás novas necesidades e organizar o tempo. Foi a primeira edición de «Conversas», un ciclo que procura testemuñas para poder obter conclusións que podan ser de interese para futuras políticas orientadas ao colectivo de persoas de idades avanzadas, segundo se indicou.

-¿Variou moito a súa situación coa xubilación?

-Manuela Barbeito. Nas tarefas domésticas continuei igual que antes. A variación máis importante foi mudar as actividades laborais polas das Aulas da Terceira Idade. Despois da vida laboral pasei a aprender cousas novas, e lembrar outras que tiña esquecidas. Levo nas Aulas desde 1999, aínda que tamén é certo que me xubilei antes da idade normal.

-¿Cal foi a mudanza máis importante en relación coa etapa laboral anterior?

-M. B. Que cando traballaba tiña unhas obrigas que cumprir, como asalariada que era; e agora teño compromisos, que tamén procuro cumprir, aínda que son voluntarios. Digamos que antes eran obrigas e agora devocións.

-¿Utilizaron, ou coñecen, sistemas de teleasistencia?

-M. B. Coñezo o programa Telexerontoloxía, da Universidade da Coruña. Fixen probas cando se presentou nas Aulas da Terceira Idade. Penso que pode ser interesante, pero para min non o creo necesario e por iso non o utilizo.

J. R. Eu si teño experiencia en usar o programa MiAvizor, da Universidade de Santiago.

-¿E como valora esa experiencia?

-J. R. Moi ben. Polo día non tiña problemas, porque viña xente á casa e podía contactar con outras persoas. Cando se agradece é pola noite, porque dá seguridade; sabes que se acontece algo e o necesitas podes pedir axuda con máis facilidade. Hai uns anos souben o caso dunha muller que pasou días morta na casa, iso foi das cousas que máis me convenceu para solicitar o uso dese programa de teleasistencia.

-¿Todo é positivo no estado de xubilación?

-M. B. Hai cousas tamén negativas, como os problemas de saúde, que hai que coidar; e para as cousas negativas hai que mentalizar á sociedade. Porque hai quen non valora as persoas xubiladas o mesmo que cando traballaban, pensan que ao ser xubilada que se é inferior, non as aprecian tanto; e podo citar casos que coñezo por experiencia.

J. R. Eu non noto iso, quizá porque vivo nunha aldea. As persoas xubiladas, con boa saúde, podemos facer cousas que antes nunca puidemos. Eu aprendín a manexar un ordenador, que antes non sabía; foi difícil, pero o que quería saber xa o sei.

M. B. Iso é certo. Eu sempre quixen pintar e até agora non tiven tempo, ou non busquei a oportunidade, e agora estou cumprindo con ese desexo, e pinto.

josefina del río e MARÍA BARBEITO xubiladas e alumnas das aulas de terceira idade

«Despois da vida laboral pasei a aprender cousas novas e lembrar outras esquecidas»