Cuestión de prioridades

FIRMAS

07 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

É certo que cada quen ten as súas prioridades, e tamén que estas cambian segundo o momento, a idade e outras circunstancias. Primeiro queremos unha bicicleta, logo un coche e despois aforramos para unha limusina que nos leve ó camposanto. Porque non é o mesmo ter vinte anos ca oitenta, nin ter que coidar dos fillos ca dos netos, e todos coñecemos esa máxima tan acertada como a Lei de Newton: «Os fillos críanse e ós netos malcríanse». E se alguén ten dúbidas que agarde ó día de Reis para ver como compiten os avós por ver quen máis fai tolear ó cativo. Son prioridades que non acabamos de saber a conto de que pero que aí están, obrigándonos a horas e días de dedicación plena percorrendo tendas e grandes almacéns, preguntándolle e facéndolle escribir cartas que os reis nunca reciben, e todo por conquistar o biquiño do netiño.

Debilidades humanas aparte, os paisanos tamén saben dicir que non cando as propostas non lles enchen o ollo. Así mo fixo ver un alcalde daquí de cerca de onde eu vivo, que estes días anda todo apurado porque se lle acaba o prazo legal para inaugurar rúas e farois, e atopouse cun veciño rebelde que non deixa que lle expropien a pedra que ten na esquina da casa para facer máis ancha a rúa. «Esa pedra é un parachoques para calquera tolo que veña por aí», dille o vello, e o alcalde meteu a toda a parentela en empeño para convencelo sen que o home ceda, o mesmo alcalde foi falar con el, que ata sería bo retirala para que poida pasar un camión de bombeiros. «Os bombeiros por aquí nunca viñeron, e malo será que teñan que vir agora».

As eleccións xa están chegando, e cada vez que o alcalde ten que inaugurar unha nova obra, un centro social ou un baile da terceira idade con gaiteiros e magosto incluído, mándalle unha invitación persoal onde se lee con letras ben visibles que el e toda a corporación municipal teñen o pracer de convidalo, e o paisano chama entón ó neto para que o leve no coche que el, coa súa pensión, axudou a pagar, viste o traxe das grandes ocasións, comparte vasos e cuncas con todos os veciños e estréitalle a man ó señor alcalde que o vai levando a un apartado para interesarse pola súa saúde, se necesita algo que para iso está el alí, para axudalo no que faga falta, e ofrécelle todos os beneficios que el lle pode ofrecer, cousa que se agradece, ata que lle pide con retranca, «o que non lle podo ofrecer é unha ambulancia que o recolla se ten unha voltiña, porque coa pedra que hai fronte á súa casa non pode manobrar», e o paisano, sempre sen perder o sorriso volve falarlle do parachoques, do fillo de fulano e do neto de citrano que andan coma tolos, que chegan ás tantas da mañá de beber coma cosacos e facendo eses, e xa non sería a primeira vez que os teñen que traer nunha carreta porque o coche quedoulles esnafrado nunha berma do camiño. «Esa pedra, señor, aínda nos ha de salvar a vida». Tampouco vale de nada que lle ofreza unha barreira metálica como substituto para a esquina da casa que como o vello di, o que sempre foi bo non hai por que movelo.

En fin, que o alcalde non perde ocasión porque o próximo día 15 é o que ten como límite para inaugurar obras a seis meses das eleccións, e volveulle insistir o sábado pasado no velorio dun veciño, «Que alí ata non pode dar volta o coche fúnebre, e terían que sacalo marcha atrás». E aí foi cando cambiou de parecer o veciño díscolo.

-Daquela si, que todos estamos nese camiño, e por el non se pode ir de costas senón de fronte. Veñan a picala cando queiran.