Rusos na ría

ALFONSO GONZÁLEZ ASENJO

FIRMAS

O «Almaz» reencheu as súas carboeiras en 1904 para seguir ruta cara ao porto de Tanxer

28 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o ano 1904, é dicir hai 110 anos, cando o imperio ruso e mais o imperio do Xapón iniciaron unha guerra por mar e terra pola posesión do Extremo Oriente onde ambas potencias tiñan grandes intereses. Para defendelos, as autoridades rusas decidiron o envío dunha forte escuadra. Os buques saíron de San Petersburgo cara ao Oriente mais á altura do Dogger Bank, no mar do Norte, ocorreu un grave incidente ao confundir uns pesqueiros ingleses con torpedeiros xaponeses e ao sospeitar deles por ter sido construídos algúns destes en estaleiros británicos; houbo mortos entre os pescadores e unha formidable protesta do goberno británico e da opinión pública contra o goberno do zar. Os rusos actuaron en principio torpemente non recoñecendo o erro, agravando a situación.

A flota británica foi enviada en seguimento da rusa por se as cousas non se solucionaban pola vía diplomática. Pero os buques rusos necesitaban carbonear para poder proseguir o seu longo camiño ata a costa siberiana no Pacífico. Pola súa situación na ruta, a costa galega foi un dos primeiros puntos de aprovisionamento da Segunda Escuadra do Pacífico, denominación que recibiu a agrupación comandada polo vicealmirante Rozhesvensky.

Diante das dificultades para recibir o combustible en porto, o Almirantazgo do zar decidira contratar buques mercantes alemáns para aprovisionar os barcos de guerra sen teren que fondear en porto, se ben en augas protexidas. As nosas rías proporcionaron o espazo ideal para a manobra. Non obstante, a neutralidade de España diante do conflito ruso-xaponés e a máis que probable presión británica sobre o goberno mentres non se solucionaba o contencioso sobre o incidente do Dogger Bank, non facilitou a entrada e permanencia dos buques de guerra rusos nas súas augas. Pero facendo a vista gorda consentiuse un carboneo limitado para permitirlle á escuadra acadar o porto de Tanxer, onde non había limitacións legais por ser porto internacional.

Na boca da ría

Este é o marco no que no día 25 de outubro de hai cento e pico anos entrou na nosa ría o cruceiro Almaz (diamante, en ruso) coa finalidade de reencher as súas carboeiras e poder proseguir o rumbo co resto da forza naval rusa. Era unha bonita embarcación, lixeira e mestura entre iate e buque de guerra; cun aire non moi agresivo. A operación debeuse realizar na boca da ría, transbordando o cargueiro o carbón mediante embarcacións lixeiras ou abarloadas ambas naves e transferida a carga por grúas ou andariveis.

Por desgraza creo que non quedaron testemuñas gráficas do paso pola nosa ría deste buque. O destino non foi moi cruel co noso cruceiro. A segunda Escuadra do Pacífico tivo un terrible final na batalla de Tsutshima, mesmo coa morte do xa almirante Rozhesvensky; o Almaz sobreviviu ao combate; tamén á guerra mundial e á guerra civil rusa. Acordarían os seus mariñeiros a tranquilidade da nosa costa? De seguro que si.

Esta nosa ría sería anos máis tarde, na segunda guerra mundial, escenario dun proxecto de aprovisionamento a submarinos alemáns nas súas necesidades de combustible, auga, ou alimentos frescos, que non callou por diversos motivos.

O «Almaz» era unha bonita embarcación, lixeira e mestura entre iate e buque de guerra