Crítico coa etapa anterior, di que non é unha aposta continuísta
21 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Macario Yebra (Meira, 1950) acaba de revalidar nas urnas, cun respaldo do 89,6 %, o cargo de decano do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos Industriales de A Coruña (Coeticor), que asumía, de xeito provisional, hai un ano trala morte de Edmundo Varela. Levaba 15 anos na directiva dunha entidade que conta con máis de 2.300 socios.
-¿Non tocaba renovación?
-Hai cinco colexiados moi novos, rapaces que foron alumnos meus na Escola, na directiva. Pero os novos non poden estar sós, non pode chegar alguén que non coñeza o colexio porque aínda que non é nada complicado require saber o que hai. Renovación é porque o anterior decano levaba 30 anos polo menos e tiñamos todos os membros da xunta de goberno unha escasa e sesgada información do que aquí pasaba.
-¿Pero xa estaba na xunta?
-Si, e teño que dicir que teño unha parte de culpa por non sabelo xestionar, pero teño escritos pedindo explicacións e contas, que non se deron. O seguinte paso era ir o xulgado, pero non me parecía pertinente.
-As eleccións foron polémicas.
-A presentación da outra candidatura, con sinaturas que non se correspondían e tiña defectos formais, non era seria, pero facilitámoslles que rectificasen e puideran presentarse. Eles ofendéronme, pero non quería que se interpretase que lles tiñamos medo. Só querían volver todo atrás, dilapidar os cartos do colexio coa oficina de turismo e contratar ao fillo do anterior decano que temos denunciado.
-¿Que levaba no programa?
-Era moi longo. Convenios co Consorcio As Mariñas, coa Fegamp, co Consello da Avogacía Galega, poñer en marcha unha plataforma de emprego a nivel internacional, cursos de idiomas, e tamén fixemos xestións coa USC para elaborar os plans de estudios de grao. Tamén modificacións nas tarifas de visado.
-¿Como ve á profesión?
-Todas agora teñen graves problemas, pero a nosa non é das peores. Dos colexiados non hai nin 100 parados.
-¿Mérito do colexio ou da profesión?
-A profesión non sería nada sen os colexios, porque pasámonos toda a historia pelexando con situacións adversas e hoxe estamos onde estamos porque os colexios existen. Nós temos unha eterna pelexa cos enxeñeiros e se non existira o colexio non teríamos atribucións e hoxe temos as mesmas ca eles. Hai uns días que se publicou o acceso ao grao directamente e levamos pelexando con iso dende que saíron os graos, e esa é labor do colexio. Tamén temos plataformas de emprego moi potentes que resolven problemas e a formación que damos é tremenda, se cadra temos en marcha, dende o Consello Xeral e aquí, máis de 100 cursos.